Martes, 13 Maio de 2025

Redondela presenta “Mulleres do téxtil”

O Concello de Redondela colabora coa iniciativa “Mulleres do téxtil” de José Manuel González e Roberto Casal Mouriño. O proxecto preséntase hoxe no Multiusos da Xunqueira, nun acto que ten a intención de achegar o proxecto á veciñanza.

“Mulleres do téxtil” recolle as vivencias de todas as mulleres que formaron parte da empresa textil Regojo, pilar da economía redondelá dende 1937 a 1978. Mantiveron xuntanzas cun total de 22 traballadoras de diferentes xeracións para crear unha obra de teatro que representará o grupo de teatro Reboreda no vindeiro mes de xuño.

A alcaldesa, Digna Rivas, explicaba que “cando chegou as miñas mans esta iniciativa non dubidei en apoiala, pois pon en valor as mulleres traballadoras de Redondela e sobre todo de aquelas mulleres que traballaron en Regojo e forman parta da historia viva do municipio. Moitas delas comezaron a traballar con 14 anos e teñen vivencias moi importantes para a memoria de Redondela. É importante para este goberno recoñecer o traballo da muller e recuperar os espazos que lles negaron no relato histórico oficial”.

Este non será un evento tradicional, pois a proposta estará relacionada co carácter do proxecto. Para iso o grupo de teatro Reboreda secuenciará e dividirá, en distintos puntos do acto, escenas breves da obra empregando os achados que obtiveron nos encontros.   Ademais, estará presente profesorado dos institutos redondelás para contar a súas experiencias traballado a historia de Regojo co seu alumnado e como reaccionan estes ao coñecemento que adquiren sobre a súa vila. 

“Un evento completo no que aprender sobre a historia de Redondela e no que haberá representación do sector educativo para aportar a súa perspectiva a hora de explicar e ensinar a memoria dun pobo. Algo moi importante e que está mudando na actualidade, pois moitos docentes deciden traballar cada vez máis dende a mirada da igualdade”, conclúe Rivas.