Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela prepárase para un Entroido que mantén o seu espírito tradicional reinventando formas para adaptarse á pandemia

A grave situación sanitaria impide a normal celebración desta tradicional que se ve privada dos desfiles de comparsas, pasarrúas e outras actividades que congregaban a milleiros de persoas

A grave situación sanitaria pola que se está a atravesar vén de facer que o Concello de Redondela veña de “reinventar” a forma de celebrar o Entroido ao impedir a pandemia da Covid-19 que non se poidan celebrar os habituais desfiles de comparsas, pasarrúas e outras actividades que congregaban a milleiros de persoas chegadas, non só de todos os puntos do municipio, senón de concellos veciños.

Así pois, o Entroido de Redondela, unha das súas manifestacións culturais e tradicionais por excelencia, ultima os seus detalles para asumir o reto de “utilizar novas formas para manter viva a chama da festa” e converterse nun Entroido máis virtual que nunca para evitar actividades de rúa garantindo a seguridade das veciñas e veciños e, ao mesmo tempo, chegar a todos os puntos do municipio a través das canles que ofrecen as novas tecnoloxías.

O meco redondelán, figura reivindicativa onde as haxa e que puxo o foco de atención sobre temas de actualidade, non deixará de facelo aínda que con cambios substanciais. Será representado por unha figura de fantasía estreitamente ligada a tradición redondelá e terá unha reivindicación clara: a necesidade de que, todas e todos unidos, fagamos fronte á COVID e gañemos esa dura batalla da que aínda non se avista o final. É unha mensaxe esperanzadora e unificadora da vontade de toda a cidadanía e, pode que por iso e polo que quere transmitir, este ano non será queimado senón que se conservará para formar parte a memoria histórica do municipio.

Por primeira vez na historia do Entroido redondelán –iso fala ben ás claras da excepcionalidade deste ano– o meco non será queimado, pasará a formar parte do patrimonio cultural de Redondela. Exposto en lugar ben visible será ao mesmo tempo o recordatorio da loita de todo un pobo contra a máis grave crise sanitaria das últimas décadas e a figura visible dunha das senlleiras tradicións redondelás. Outro tanto acontecerá en Chapela co seu berete, que tamén pasará a pasar forma do patrimonio da parroquia.

Doutra banda, a tradicional lectura e debida a grave situación sanitaria que atravesa o municipio, será substituída por un máis que atractivo proxecto audiovisual que chegará a todos os recunchos do municipio.

O concurso de disfraces adáptase tamén á nova situación e tira de novas tecnoloxías para a súa celebración. Chegado o momento, veciñas e veciños poderán enviar fotos e vídeos dos seus disfraces ao enderezo de correo electrónico [email protected], para ser publicados posteriormente nesta rede social do Concello. Aquelas fotos que máis “Me Gusta” obteñan, serán as que teñan dereito a premio.

O programa darase a coñecer en vindeiras datas, ao estar aberto a modificacións segundo evolucione a crise sanitaria e dependendo das recomendacións, tanto autonómicas como estatais, para esas datas.

Como festa popular e que se vive nas rúas –aínda que este ano por motivos obvios non poderá ser así– o Concello de Redondela busca que esas rúas reflictan tamén o espírito do Entroido e para iso, a través da Concellería de Comercio, vén de convocar un concurso de escaparates coa intención de dinamizar a actividade do comercio de proximidade e, ao mesmo tempo, de encher de corrido as rúas e prazas a través dos escaparates dos establecementos.

Dous premios, á Orixinalidade e á Tradición serán fallados por un xurado designado ao efecto. O establecemento gañador en cada unha das categorías terá como premio, unha cesta de produtos gourmet que, como é xa habitual por parte do Concello, será adquirida en establecementos do municipio.

Un terceiro premio, o do Público, será outorgado polas e polos clientes dos comercios que votarán o que, ao seu entender, é o mellor escaparate. Entre as persoas que emitan o seu voto, tamén se sorteará outra cesta de produtos gourmet.

Trátase, sinala a alcaldesa Digna Rivas, “de que a pesar da situación sanitaria, a pesar de todas as trabas e inconvenientes que iso supón, Redondela manteña o espírito do seu Entroido e a través del, como fará o meco, berrar que todos e todas xuntas, poderemos vencer ao virus. Que unidos temos superado situacións difíciles ao longo da nosa historia e unidos sairemos desta crise para, un día, lembrala só como un mal soño”.