Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela pide á veciñanza que non consuma auga da Fonte da Lata, en Vilar de Infesta, ao poder estar afectada polo uso de herbicidas no aeroporto

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela, atendendo a “un principio de precaución” vén de sinalizar como “auga non apta para o consumo humano” a Fonte da Lata na parroquia de Vilar de Infesta. Esta medida tomouse despois de que no día de que o xoves un operario municipal dera aviso de que no peche metálico e taludes do aeroporto “a herba tiña síntomas de ser queimada con herbicidas nas proximidades da Fonte da Lata”.

Click para ampliar

Unha vez feita a sinalización preventiva, deuse orde de apertura de expediente de investigación ambiental para esclarecer os feitos. A Concellería de Medio Ambiente ten programada unha recollida de mostras o vindeiro martes día 15 de Xuño na Fonte da Lata para realizar unha análise das augas.

Ata que se reciban os resultados do laboratorio e se teñan todas as garantías, a Fonte da Lata continuará coa sinalización de auga non apta para o consumo humano. Por parte do departamento que xestiona Roberto Villar, sinalouse que “esta situación investigarase con rigor e contundencia pois pode estar en risco a saúde pública”.

O concelleiro de Medio Ambiente deu aviso desta circunstancia á Asociación de Veciños de Vilar na tarde de onte. Roberto Villar “lamenta esta situación e lembra aos responsables do Aeroporto, que Redondela foi declarado no ano 2012 Concello Libre de Herbicidas”.