Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela organiza unha mesa redonda polo Día Mundial do Alzhéimer

Co gallo do Día Mundial do Alzhéimer o Concello de Redondela organiza este xoves día 21 de setembro unha mesa redonda onde diferentes expertos falarán desta enfermidade. Nesta cita, que se celebra no Multiúsos da Xunqueira, abordarase a prevención do Alzhéimer, o seu control, síntomas comúns, diagnóstico e tramento. Profesionais de diferentes áreas abordarán tanto os problemas de saúde físicos que supón o Alzhéimer como os psicolóxicos, e tamén os programas de rehabilitación que existen. A mesa redonda, que comezará ás 19.30 horas, está dirixida ao público en xeral e especialmente aos enfermos e as familias coidadoras.

Esta mesa estará moderada por Pilar Martínez, concelleira de Persoas Maiores e médica xubilada, e intervirá Carmen Tuche, médica de familia. Como convidados participarán todos os Centros de Día de Redondela (Arela, CAPM de Redondela, Os Cortizos, Galeón e Maiores Activos). O acto contará tamén coa participación de AFAGA Alzhéimer, entidade sen ánimo de lucro que realiza actividades para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzheimer e outras demencias e os seus familiares, ademais de ofrecerlles información e asesoramento.

Actividades como a que organiza o Concello de Redondela serven “para dar visibilidade a unha doenza que é a forma máis frecuente de demencia e que afecta a máis de 50 millóns de persoas en todo o mundo, cifra que segundo a OMS vaise triplicar de cara ao 2050″, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora convida a toda a veciñanza a asistir a este acto de concienciación “para fomentar a importancia de colaborar na investigación do Alzhéimer” e fai especial fincapé nas familias de afectados “para que participen de xeito activo e acheguen a realidade desta enfermidade a todo o público”.