Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela investirá máis de 600.000 euros na mellora enerxética dos edificios municipais e o alumeado público

O Goberno local contratará a realización dun informe no que se determinen os traballos a realizar

O Goberno de Redondela contratará a realización dunha auditoría enerxética que determine as actuacións e traballos que se deben desenvolver, tanto nos distintos edificios municipais coma no alumeado público de cara “a mellorar a optimizar a súa eficiencia e diminuír as emisións de CO2”.

A auditoría será a encargada de avaliar os edificios sobre os que se debe actuara en primeiro lugar como é o caso da Casa do Concello “tanto por ser o edificio onde se concentran o maior número de traballadoras e traballadores como por ser o lugar onde a veciñanza leva a cabo a maioría das súas xestións”.

“Unha vez realizado este paso previo –explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas– contaremos con datos fiables do consumo enerxético e do gasto asociado a fin de conseguir unha optimización no consumo que, amais de reducir a contaminación, supoña unha notable redución do gasto en este concepto”.

Cómpre salientar que a meirande parte de instalacións, edificacións e equipamentos municipais configuráronse sen considerar ningún tipo de medida de eficiencia enerxética, polo que, nas medidas a adoptar, “haberá que traballar sobre as melloras das envolventes térmicas, instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria ou mesmo a través de substitución de carpinterías exteriores”, engade a rexedora local.

Do mesmo xeito, o Concello coñecerá con exactitude a situación do alumeado público o que permitirá mellora, non só a súa eficiencia, senón detectar as liñas de maior consumo e que, polo tanto, precisan dunha actuación para a súa mellora.

O Concello destinará, para estes traballos un investimento de máis de 600.000 euros (605.769,00 €) cofinanciados polos Fondos Feder Redondela 2020 constitúen o obxectivo “Racionalización da eficiencia enerxética” dentro das liñas da “Rehabilitación enerxética de edificios públicos, mellora do alumeado público e fomento das enerxías renovables en equipamentos públicos”.