Venres, 9 Maio de 2025

Redondela intensifica a atención aos colectivos e persoas máis vulnerables durante o estado de alarma

Ao reparto de alimentos aos nenos e nenas beneficiarios do comedor escolar, “que se xestionou dende o primeiro día”, engádense novas medidas para as persoas que vivan soas e precisen dunha maior atención

O Concello de Redondela vén de reforzar o servizo que, dende o pasado día 14, se presta aos colectivos e persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión, iniciativas encamiñadas tanto a garantirlles os produtos de primeira necesidade coma a proporcionarlles asistencia e axuda nas diferentes situacións que se lle poidan presentar ao longo do estado de alarma.

A alcaldesa Digna Rivas subliña o feito que a preocupación do Equipo de Goberno, “dende o primeiro día” foi a atención aos nenos e nenas beneficiarios do comedor escolar de cara a que “tivesen garantida unha nutrición e dieta axeitada”.

Nese sentido, a alcaldesa de Redondela sinalou que os cheques que lles permitirán facer compra de produtos básicos para catro semanas “comezaranse a entregar esta mesma semana porque tiñan que seguir unha tramitación administrativa establecida” e serán entregados ás familias que o precisan “seguindo o criterio técnico das traballadoras e educadoras sociais que son as que mellor coñecen as necesidades de cada un dos casos”.

Pese a iso, aclara a alcaldesa redondelá “os nenos e nenas tiveron garantida, dende o primeiro día, a súa alimentación que se lle fixo chegar a través de Cáritas e do servizo de voluntariado de Protección Civil”.

A maiores da alimentación, os servizos sociais e a Concellería de Ensino, están tamén preparando lotes de libros e cadernos para pintar, “descatalogados pero precintados e sen usar”, doados por centros educativos e editoriais para que “os máis pequenos poidan contar con outro entretemento máis aló do que poden proporcionar internet”. Os lotes serán entregados, “debidamente precintados e desinfectados”, polo persoal voluntario de Protección Civil, “que posúen os coñecementos precisos para realizar esta labor con todo tipo de garantías”, insiste o Goberno local.

Doutra banda o luns comezará a funcionar o servizo telefónico CO-VID-REDONDELA (COntacto é VIDa Redondela), un servizo de ‘escoita activa’ promovido polas Concellerías de Servizos Sociais e da Terceira Idade en colaboración coa Cruz Vermella de Redondela, que estará operativo de luns a venres no 986 401 713. O servizo, explica o Equipo de Goberno, “permitirá manter o contacto coas persoas, sobre todo maiores, ás que o confinamento suponlles unha situación difícil de levar e que precisan falar con alguén”.

O persoal encargado do servizo, tamén lles ofrecerá, se fora preciso, consellos útiles para o confinamento ou ideas nas que ocupar o seu tempo de lecer. Trátase, explica Digna Rivas, “de que as nosa veciñanza saiba que, nesta crise, non está soa e que, para superala, temos que facelo xuntos e xuntas”.

Non quixo entrar o Equipo de Goberno nas últimas críticas realizadas pola portavoz do PP en Redondela xa que, sinalou a alcaldesa Digna Rivas “para nós, en política, non todo vale”. En momento críticos como este “os actos definen a cada persoa e para este Goberno, a prioridade é a saúde e benestar dos veciños e veciñas”, concluíu a alcaldesa.