21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela inicia neste mes de abril os traballos de roza e limpeza...

    Redondela inicia neste mes de abril os traballos de roza e limpeza dos camiños e estradas de titularidade municipal

    Os traballos, que comezan pola parroquia de Chapela –última en limparse o pasado ano–, serán desenvolvidos por persoas en situación de desemprego contratadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

    O Concello de Redondela iniciou xa, neste mes, os traballos de roza e limpeza das estradas e camiños de titularidade municipal. Por primeira vez as labores de rozado inícianse en abril –máis de dous meses antes que o que era habitual nos anteriores gobernos conservadores– o que permitirá que, na primavera e verán, o viario municipal estea en perfectas condicións para o seu uso por parte da veciñanza.

    Ao igual que aconteceu o pasado ano e en contraposición do sistema utilizado por anteriores gobernos que optaban pola contratación de empresas, o Concello que preside a socialista Digna Rivas opta, un ano máis, pola contratación de persoas en situación desemprego a través da liña 3 do Plan Concellos o que, segundo a rexedora redondelá “permite adiantar o calendario de limpeza e rozado e, ao mesmo tempo, contribúe a aliviar a situación económica das persoas desempregadas contratadas”.

    Os traballos comezarán na parroquia de Chapela, última na que o pasado ano desenvolvéronse as labores de roza e limpeza e seguindo, polo tanto, o sentido inverso ao percorrido do 2021. “A contratación de 11 traballadoras/es forestais, permite optimizar a limpeza viaria seguindo un sistema que, ao mesmo tempo, propicia a recollida dos restos e evitando a súa acumulación”, explica Digna Rivas. De feito, engade a alcaldesa, “a veciñanza amosounos o pasado ano a súa satisfacción polo traballo realizado tanto no que fai referencia á limpeza en si como á posterior recollida dos restos da roza”.

    A roza e limpeza viaria será realizada por tres brigadas compostas, cada unha, por dúas persoas con máquina de rozado a pe e dous traballadores/as de limpeza de cunetas e recollida de maleza. Amais, os equipos contarán co reforzo de tractores de rozado en altura. Doutra banda e como se sinalaba con anterioridade, contarase con medios mecanizados para transportar diariamente os restos da roza ao lugar de xestión dos mesmos.

    A alcaldesa quixo destacar a importancia que o Concello lle da á seguridade laboral á hora de realizar os traballos e, nese sentido e como paso previo ao inicio da roza “as traballadoras e traballadores recibiron un curso sobre prevención de riscos laborais”, aclara Digna Rivas.

    Finalmente, Rivas amosou a súa satisfacción “ao poder cumprir, por fin, estes traballos nos tempos e datas que tíñamos planificados á nosa chegada ao Concello” un cronograma, explica a alcaldesa, “que houbo que cambiar totalmente coa chegada da pandemia e que agora recuperamos coa volta a unha certa normalidade”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.