Luns, 13 Xaneiro de 2025

Redondela habilita un servizo de información e orientación sobre o Ingreso Mínimo Vital

O Goberno local salienta a importancia que este ingreso ten para cubrir as necesidades dos sectores máis vulnerables da sociedade e a necesidade de contar cunha persoa que informe ás interesadas e interesados a realizar os trámites

O Concello de Redondela conta xa cun servizo de orientación e información para axudar á veciñanza a realizar os trámites de solicitude do Ingreso Mínimo Vital, unha prestación dirixida especificamente a previr o risco de pobreza e exclusión social.

As interesadas e interesados en tramitar estas axudas contarán co asesoramento dunha persoa que lles facilitará toda a información que precisen sobre estas axudas e lles explicará, se é o caso, como realizar a tramitación online. Para poder utilizar este servizo e dentro das medidas de seguridade postas en marcha pola crise da COVID, é preciso que os interesados e interesadas soliciten cita previa no Concello de Redondela.

O Ingreso Mínimo Vital “garante un nivel mínimo de renda a quen se atope en situación de vulnerabilidade económica e busca garantir unha mellora real de oportunidades de inclusión social e laboral das persoas beneficiarias”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Coa posta en marcha deste servizo, o Goberno local de Redondela mantén a súa liña de ofrecer aos veciños e veciñas “todas aquelas ferramentas que contribúan a facerlle máis doados os trámites ante as distintas administracións e, ao mesmo tempo, contribuír a mellorar a súa calidade de vida”, apunta a rexedora local.

Dado que o Ingreso Mínimo Vital funciona como unha rede de protección dirixida a permitir o tránsito desde unha situación de exclusión a unha participación na sociedade, contén ademais das axudas directas, “incentivos ao emprego e á inclusión, articulados a través de distintas fórmulas de cooperación entre administracións”.

Todos os requisitos, formularios e información sobre o Ingreso Mínimo Vital, está a disposición da veciñanza na páxina web do Concello de Redondela, www.redondela.gal, na sección ‘Portal Informativo da COVID-19”.