Venres, 9 Maio de 2025

Redondela habilita medidas extraordinarias de protección para Policía Local, Emerxencias e Protección Civil

Un protocolo de actuación interna busca garantir a seguridade do persoal tanto á hora de realizar a súa labor, coma dentro das instalacións policiais

Dotar á Policía Local das maiores medidas de protección posibles é o obxectivo dun protocolo de actuación posto en marcha polo Equipo de Goberno do Concello de Redondela e que será de aplicación, tanto no traballo que desenvolven os axentes na rúa, como no interior das dependencias policiais. O mesmo protocolo será válido, agás as normas específicas, para o SEIS (Servizo de Emerxencias e Incendios en Redondela).

Todas as medidas, sinala o Goberno Local, teñen por finalidade “salvagardar a saúde daqueles que, polo seu cometido, teñen que estar na rúa para velar tanto polo cumprimento das normas ditadas polas autoridades competentes, coma pola seguridade das veciñas e veciños”.

O protocolo, presta unha especial atención ao estado de saúde dos axentes que, tal e como se sinala “deberá tomarse a temperatura á entrada e saída de cada quenda (cos coñecidos com “termómetros de infrarrojos” que non precisan contacto directo coa persoa) e anotar eses datos nunha folla de rexistro.

De cara a evitar contaxios, as patrullas estarán formadas sempre polos mesmos axentes, agás pola ausencia dalgún compoñente. Nesa mesma liña vai a instrución expresa de “limpar debidamente os útiles de traballo así como de partes do vehículo tales como volante, pomo do cambio de marcha, manetas de apertura das portas, etc. , para o que están dispostas botellas de alcol e panos de papel”.

Ante circunstancias especiais com poden ser as que se cualifican como “intervencións humanitarias” a persoas que poidan ser sospeitosas de estar afectadas polo coronavirus “valorarase a prestación do servizo pedindo que sexa realizado polo 061 e, en último caso, realizarase utilizando luvas e máscaras”.

Nese sentido, os axentes informarán aos mandos, diariamente, dos contacto de risco que que teñan que realizar durante o desenvolvemento do seu labor.

A estas medidas, engádense outras de tipo xeral como a prohibición que os axentes que estean fora de servizo permanezan nas dependencias municipais; extremar o coidado no intercambio de todo tipo de material entre compañeiros e evitándose o contacto directo na recollida de documentación, obxectos, pezas, etc.

Todas as medidas adoptadas polo Equipo de Goberno, explica a alcaldesa Digna Rivas, buscan “protexer a ao máximo a un colectivo de traballadores que, polas propias características do seu traballo, están máis expostos e que, polo tanto, precisan de medidas extraordinarias para garantir a súa saúde e seguridade”.

Digna Rivas explicou que as mesmas medidas que se toman coa Policía Local, estanse a adoptar con Protección Civil xa que serán precisamente membros deste servizo, os que se encarguen do reparto dos alimentos aos nenos e nenas incluídos no programa de comedor escolar.

Dada a especial sensibilidade desta labor, explicou Rivas, “o reparto será efectuado por persoas veteranas no servizo de Protección Civil e con coñecementos sanitarios, de cara a que poida realizarse con todas as garantías posibles e por parte de persoal especializado nesas tarefas”.