Persoal técnico do Concello de Redondela comezou onte cos traballos de revisión dos expedientes das terrazas dos establecementos hostaleiros de cara a estudar a ampliación do espazo que tiñan asignado. A medida ten como obxectivo permitir que poidan manter o espazo de seguridade dous metros entre as mesas “sen que iso supoña unha redución da capacidade e coa clara finalidade de beneficiar a recuperación do sector da hostalaría”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.
Unha vez realizado o estudo dos expedientes, os servizos técnicos serán os que resolvan cada caso de xeito individualizado, para o que se terán en conta criterios urbanísticos e ambientais amais das características propias de cada establecemento.
A esta medida, explica a alcaldesa Digna Rivas, “engadirase a exención da taxa de ocupación das terrazas”. Non se pode esqueces, explica a alcaldesa, “que o sector da hostalaría xunto ao comercio de proximidade, é un dos máis duramente golpeados por esa emerxencia sanitaria logo de case que dous meses de paralización da súa actividade”.
Rivas fixo tamén un chamamento “á responsabilidade da veciñanza” a hora de afrontar esta entrada na fase 1 que previsiblemente comezará o luns 11 de maio, “un punto ao que se chegou logo de moitos esforzos e moitos sacrificios por parte da cidadanía e que non nos podemos permitir o luxo que, pola actitude inconsciente dunha minoría, teñamos que volver atrás”.

Doutra banda, a alcaldesa adiantou que o Equipo de Goberno traballa na posibilidade de peonalizar parte do centro urbano de Redondela durante as fines de semana, “de xeito que a veciñanza poida pasear mantendo a distancia de seguridade e evitando aglomeracións neses días de maior afluencia de persoas nas rúas”.
En principio, estúdase a peonalización da rúa Alfonso XII dende a Farola ata a Casa do Concello, mentres que en Chapela peonalizaríase toda o paseo de Arealonga. En todo caso, concluíu a alcaldesa de Redondela, “todas estas medidas estarían supeditadas a que, efectivamente, o luns poidamos entrar na fase 1 do ‘Plan de transición hacia una Nueva Normalidad’, establecido polo Goberno de España.