O Concello de Redondela conta, dende o pasado mércores 1 de abril, cunha nova páxina de Facebook (https://www.facebook.com/redondelaconcello), que o Goberno local busca que sexa unha “canle de información aberta e dinámica entre a cidadanía e a administración local”.
O departamento de Novas Tecnoloxías procedeu á creación deste novo Facebook, xa que o anterior equipo de Goberno non puxo a disposición do Concello o acceso ao perfil do Concello de Redondela ao considerar que era un perfil “privado”, a pesar da denominación institucional e de que gran parte do seu contido e información procedían do Concello de Redondela.
Neste sentido, hai que indicar que o perfil de Facebook do Concello de Redondela foi creado polo departamento de Novas Tecnoloxías antes do 2010, e sempre estivo vinculado a unha conta de correo electrónica corporativa da Administración Local, aínda que fose xestionado polo persoal de libre designación da anterior corporación municipal dende o 2011 ata o 2019.
Non se pon en dúbida que a posta en funcionamento da rede social demorouse no tempo, con todo, o obxectivo era acadar que a nova rede social fose xestionada por persoal funcionario do Concello para, dese xeito, conseguir un dobre obxectivo. Por unha banda garantir a súa continuidade no tempo e por outra banda, un uso obxectivo e imparcial da rede social.
O Goberno local salientou a importancia de utilizar os medios que as novas tecnoloxías poñen ao alcance da sociedade e que permiten unha maior participación veciñal na xestión municipal.