21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela e a Asociación Érguete dan continuidade ao seu plan para a...

    Redondela e a Asociación Érguete dan continuidade ao seu plan para a prevención de adiccións nos menores

    Durante o último curso a Asociación Érguete atendeu a máis de 300 menores e as súas familias no municipio

    Redondela e a Asociación Érguete continúan traballando na prevención de adiccións nos menores do municipio. A alcaldesa, Digna Rivas; a concelleira de Educación, Olga García, e a edil de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, reuníronse coa coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, e a responsable da Oficina Técnica de Prevención de Érguete, Laura Durán, para analizar resultados e planificar as accións a realizar durante este novo curso.

    O plan preventivo de Redondela conta coa colaboración da Asociación Érguete dende fai varios anos, e conta coa financiación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Xa son moitos os menores e as familias que participaron en actividades coa entidade. Só no último curso máis de 300 menores e as súas familias. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destaca estas cifras como unha mostra do “bo traballo que se está a facer”, ao tempo que incide na “necesidade de seguir traballando no campo das adiccións para aportar ferramentas á veciñanza contra unha problemática tan grave”.

    As formacións que se van impartir este ano nos centros educativos de Redondela xiran, entre outros, nas apostas deportivas e no xogo online. Os programas estarán destinados tanto ao alumnado como ó profesorado dos distintos centros educativos do Concello e seguirase traballando coas familias en diferentes charlas que se impartirán ao longo do curso.

    A coordinadora da Asociación Érguete quere agradecer ao Concello de Redondela “a súa implicación coas nosas propostas”, e está convencida que este tipo de políticas preventivas son as “máis axeitadas para traballar no ámbito das adiccións”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.