Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela deseña un proxecto para dotar a praia de Cesantes de iluminación autosuficiente

O Concello de Redondela, en colaboración coa startup galega Himikode, da o primeiro paso para o deseño dun proxecto singular co obxectivo de impulsar a sustentabilidade e mellorar a calidade de vida de todos os residentes e visitantes do municipio.

O proxecto céntrase na renovación do sistema de iluminación da praia de Cesantes utilizando sistemas multifuncionais, e as Concellerías de Sostibilidade e Urbanismo están a estudar a súa viabilidade.

Estes sistemas integran fontes de enerxía renovable, como a enerxía eólica e solar, para garantir unha iluminación autosuficiente. Ademais, incorporan unha xestión intelixente que axusta o aceso e apagado das luces segundo as necesidades reais, reducindo así a dependencia de combustibles fósiles e diminuíndo a pegada de carbono, cunha instalación sen necesidade de obra civil. Estes sistemas poden adaptarse ás necesidades da contorna integrando sensores intelixentes que monitorizan a calidade ambiental, niveis de ruído, contaminación, temperatura ou a afluencia de persoas, entre outras cousas. Isto asegura unha contorna máis saudable, sustentable e seguro para todos.

Esta información pode coñecerse en termo real, “o que permite ao Concello comprender mellor os impactos do cambio climático e o uso que a comunidade fai da contorna”, segundo explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar. Deste xeito “pódense planificar máis facilmente a actuacións máis axeitadas ás necesidades da veciñanza e aos visitantes”, sinala Villar.

Con este proxecto pioneiro o Concello de Redondela aspira a situarse na vangarda da innovación tecnolóxica “e demostra o seu compromiso coa sostibilidade na planificación urbana e a xestión do territorio”. O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, avanza que de ser viable, este proxecto levarase a futuras obras de humanización no municipio. O obxectivo final é “adaptar estas iniciativas ás necesidades reais da poboación e os visitantes, asegurando unha contorna máis habitable para todos”, conclúe o concelleiro.