Mércores, 7 Maio de 2025

Redondela denuncia os problemas de contaminación dos verquidos de Pazos

O Concello de Redondela amosa a súa insatisfacción pola falta de resposta, por parte de Augas de Galicia, ante a situación de abandono e ilegalidade das estacións de depuración de augas residuais de Pazos de Borbén.

A primeira comunicación a Augas de Galicia foi realizada o día 16.08.2022 e reiterada os días 25.09.2022 e 18.10.2022, “sen que a día de hoxe o Concello teña coñecemento”, expón Rivas. “Ante a persistencia da contaminación denunciamos os feitos ante a Comandancia do SEPRONA de Pontevedra para que realice ás accións de investigación necesarias para esclarecer a orixe dos vertidos e así poder esixir a quen corresponda as responsabilidades e a adopción de medidas adecuadas á situación”. Paralelamente, o Concello continuou a realizar actividades de control incluíndo a toma e análise de mostras por medios propios cuxo resultado tamén se achegou a Seprona.

“Dende o Concello de Redondela queremos agradecer ao BNG e a AER o seu traballo de pescuda. Somos conscientes de que este é un problema recurrente e valoramos que se sumen ás protestas contra Augas de Galicia que está ignorando as nosas queixas e peticións”, explica a alcaldesa DIgna Rivas.

A problemática comezou xa en outubro de 2008, fai 14 anos, cando o alcalde de Pazos de Borbén decidiu abrir unha planta municipal de forma ilegal e sen contar coa obrigada autorización da Consellería de Medio Ambiente. “Esta decisión foi reportada no seu momento pola asociación ecoloxista Adega, pero non se tomou ningunha medida para solucionar o problema de vertidos fecais que estaba xerando no Río Alvedosa”, explica a alcaldesa de Redondela.

En 2022 o Concello de Pazos exponse a máis expedientes  ante a situación da rede de saneamento, xa que continúa o mal funcionamento das distintas estacións depuradoras de bombeo. “Cos datos rexistrados ata o de agora, consideramos que a situación NON É PUNTUAL, como trata de asegurar o alcalde de Pazos. Dende o Concello de Redondela queremos denunciar estes periódicos episodios de contaminación. Ante unha situción tan grave, demandamos unha solución inmediata”,  conclúe a alcaldesa.