Domingo, 11 Maio de 2025

Redondela comeza cos desbroces nos camiños e cunetas

O Concello de Redondela contratou a 8 operarios, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, para integrar as brigadas de roza que comezaron xa os traballos en diferentes puntos do municipio en abril. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que “como xa é costume o traballo será realizado por persoas que se atopaban en situación de desemprego e contratadas a través do Plan Concellos”.

As rozas, que xa comezaron en abril, completaron as zonas de Cesantes e Cabeiro, agora mesmo está en proceso Trasmañó, Cedeira, Quintela e Chapela e continuarán ata completar todas as parroquias. O concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lambas, explica que os traballos “serán desenvolvidos durante 6 meses polos operarios contratado polo Concello en tres brigadas compostas, cada unha delas, por dúas persoas con máquina rozadora”. Os equipos contarán tamén co reforzo dunha empresa durante 2 meses que conta con material especializado para servir de apoio, pero priorizando o traballo dos empregados de Redondela. Fai falta destacar que, para evitar a acumulación de restos, contarase con dous Dumper mecanizados para a recollida, sendo transportados, diariamente, ao lugar de xestión. Todos os participantes na campaña recibiron, con anterioridade, un curso sobre prevención de riscos laborais.

Por último, o Concello de Redondela apunta que os traballos estarán sinalizados na forma que esixa o Código de Circulación e as Ordenanzas municipais, sendo a empresa a encargada desta labor.

O feito de que sexan veciños de Redondela en situación de desemprego os que se encarguen dos traballos de roza, permiten ao Concello alcanzar dous obxectivos. “Por unha banda axilízase a contratación e ofrécese un respiro a aqueles que están en situación de desemprego e por outra, optimizamos o servizo de limpeza e rozado das vías e camiños municipais”, conclúe Digna Rivas.