O derradeiro domingo do 2019, o 29 de decembro, Redondela celebrará a primeira edición da Carreira Solidaria de Nada, unha proba non competitiva, para todas as idades e cheas de sorpresas, que terá o seu punto de saída da Praza do Concello ás 11 horas e na que, os que así o desexen, poderán levar as súas mascotas.
Trátase dunha carreira para todas as idades, que estará chea de sorpresas propias destas datas, na que podedes traer as vosas mascotas.
Dado o carácter solidario da proba, ao inicio da mesma recolleranse alimentos non perecedoiros que serán entregados a Cáritas.
O percorrido, de aproximadamente 2,5 quilómetros sairá dende a rúa Alfonso XII, subindo ata a igrexa para percorrer o casco antigo e voltar á rúa Alfonso XII. De aí, atravesarase a Alameda de Castelao e a rúa Ribeira, rematando diante da Casa do Concello.
O Goberno local anima aos veciños e veciñas a que acudan a esta proba “para practicar deporte e, a mais, para pasar unha mañá divertida e solidaria”.