Redondela despedirá o ano de xeito anticipado e por partida dobre con dúas grandes festas. Na noite de hoxe venres, 29 de decembro, haberá festa pre fin de ano en Chapela coa orquestra Olympus no paseo marítimo a partir das 22:00 horas.
O sábado 30 de decembro será a quenda de París de Noia cun concerto no Campo da Feira de Redondela tamén ás 22:00 horas. Nos dous casos estas festas pre fi de ano terá tamén unha vertente solidaria. O Concello de Redondela achegará as uvas para estas celebracións, e serán voluntarios e voluntarias das asociacións Da Man, Cáritas Redondela e Asociación contra o Cancro de Redondela os encargados de distribuílas entre o público. Os asistentes que o desexen poderán facer as doazóns que estimen oportunas “e todos os cartos recadados serán repartidos entre as asociacións participantes”, explica a concelleira de Cultura, Rita Pérez. Deste xeito “aproveitamos unhas citas festivas, onde centos de persoas celebran estas datas con amigos e familiares, para darlle tamén un significado solidario”.
Os máis pequenos tamén terá a súa celebración previa de fin de ano do domingo 31 ao mediodía. A Praza da Constitución en Redondela e a Alameda Rosalía de Castro de Chapela serán escenario destas Festas Infantís de Fin de Ano. Haberá música, xogos e moitas sorpresas para que a rapazada poida despedir o 2023. Ámbalas dúas festas terán lugar entre as 11 e 13 horas coa Coca Simona.