Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela apúntase á calistenia e da resposta ás peticións da mocidade cunha instalación específica para esta disciplina deportiva

O circuíto de calistenia quedará instalado na zona onde se atopa o parque de skate e preto das zonas deportivas

O Concello de Redondela iniciará, neste mes de xaneiro, a instalación dun parque de calistenia urbano, dando resposta deste xeito ás demandas realizadas por un grupo de mozos e mozas practicantes desta disciplina deportiva.

O parque instalarase na zona da Marisma –a carón da pista de skate e baloncesto, e zona frecuentadas pola mocidade do concello ao estar a carón da zona deportiva a dos institutos– e contará con máis de 100 metros cadrados nos que se instalará unha estrutura de aceiro galvanizado e coas medidas regulamentarias segundo a norma europea. A instalación contará amais cun panel informativo de guía para a realización dos distintos exercicios físicos.

O proxecto foi realizado polo Concello de Redondela en colaboración mozos afeccionados á calistenia de xeito que se adapte as necesidades das persoas practicantes. De cara a animar á mocidade a iniciarse nesta disciplina deportiva, a Concellería de Deportes, que dirixe Nacho González, ten previsto realizar unha xornadas divulgativas e de exhibición sobre este deporte.

A alcaldesa de Redondela chamaba a atención sobre a importancia “de dotar ao municipio de instalacións nos que a mocidade poida practicar deporte e fomentar estilos de vida sa”. “Unha vez miremos a demanda que ten esta primeira instalación, o Concello estará aberto a instalación de novos parques noutros puntos do Concello”, engadiu Digna Rivas.

A calistenia é unha disciplina deportiva que se basea na realización de exercicios utilizando o propio peso corporal, proporcionando unha mellora importante na resistencia e na forza muscular. Amais, ten a vantaxe de que non se necesita ningún percorrido previo para practicar xa que existen exercicios para principiantes ou con variacións que permiten que se inicien nesta disciplina persoas inexpertas.