13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela amplía o seu patrimonio coa adquisición da parcela anexa ao convento...

    Redondela amplía o seu patrimonio coa adquisición da parcela anexa ao convento de Vilavella

    A Deputación aprobou a concesión dunha axuda de 416.226 euros para adquirir a finca na que se demolerá a nave existente para crear un novo espazo público e un aparcadoiro disuasorio

    O Concello de Redondela vén de formalizar, ante notario, a compra da parcela situada a carón do convento de Vilavella, ata agora propiedade da firma Building Center, un paso imprescindible para a realización do ambiciosos proxecto que transformará completamente a Praza de Ponteareas, unha das principais vías de entrada ao casco urbano.

    O prezo final estableceuse en 449.350 euros dos que 416.226 euros serán achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019. Trátase dun solar de preto de 4.000 metros cadrados no que se creará “unha nova zona de esparexemento para a veciñanza e un aparcadoiro disuasorio”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

    O estacionamento proxectado “permitirá dispoñer dun espazo próximo ao centro urbano e continuar coa transformación iniciada polo Goberno local no marco da mobilidade sostible e da recuperación de espazos públicos para a cidadanía”.

    A maiores, a estratéxica situación do aparcadoiro disuasorio –xusto na entrada do centro urbano– permitirá a desmasificación de estacionamentos de vehículos que, diariamente, se produce nas beiravías da estrada. Este aparcadoiro complementará aos dous aparcadoiros libres existentes no casco urbano reforzados polo aparcadoiro soterrado da Xunqueira.

    Coa compra desta parcela, o Goberno redondelán cumpre un dobre obxectivo: por unha banda gáñase un novo espazo para a cidadanía e por outra, derrúbase unha nave situada a carón dun ben patrimonial como é o convento de Vilavella. A maiores, a actuación ten un beneficio medioambiental engadido xa que o solar linda co río e conecta co paseo do Salgueiral.

    Lembra o Concello que o convento de Vilavella é unha das tarxetas de presentación de Redondela “tanto pola situación estratéxica no punto en que conflúen as estradas que veñen dende Vigo e O Porriño, coma polo feito de estar inventariado como Patrimonio Cultural de Galicia. Non se pode esquecer que se trata dun edificio conventual da orde das Justinianas, fundado pola familia Prego de Montaos a comezos do século XVI e que aínda conserva, desa época, a igrexa composta por un ábside e unha soa nave.

    Para a posta en valor de toda a zona, o Goberno local conta xa cun proxecto redactado polo estudo  Gándara y Pons Arquitectos. As obras, que contarán cun investimento de 2.5 millóns de euros, contempla unha gran praza central na que se integrará o convento con espazos axardinados que resaltarán o vínculo existente entre Redondela e o Camiño de Santiago.

    “Redondela é o cuarto municipio da provincia pero, amais de selo, ten tamén que parecelo”, explica a alcaldesa Digna Rivas. “A Praza de Ponteareas, como entrada natural ao casco urbano dende Vigo e O Porriño e entrada tamén do Camiño Portugués e Camiño Portugués pola Costa, e tamén a nosa tarxeta de presentación, polo que compre un proxecto acorde á importancia do noso municipio”.

    “Este grupo de Goberno apostou, e segue apostar, pola mobilidade sostible e por unha vila na que as persoas sexan as progatonistas”, engade a rexedora local que, lembra, “que está plenamente demostrado que os espazos humanizados nas vilas e cidades, son elementos dinamizadores da economía local”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.