Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela adía a Gala do Deporte ata o verán do 2021 pola situación de risco sanitario existente nestes momentos

O Concello de Redondela vén de anunciar o adiamento da Gala do Deporte, que tradicionalmente celébrase no mes de decembro, ata o verán do 2021 dada “a actual situación de risco sanitario que fai imposible o seu normal desenvolvemento”, sinalou o concelleiro de Deportes, Nacho González.

A Gala do Deporte “debe ser unha auténtica festa” na que non só se recoñezan os méritos e traballo de deportistas, clubs e asociacións, “senón que o poidan celebrar nunha gala acompañados dos seus familiares e amigos, algo que nestes momentos, coa actual escalada da COVID-19, supoñería un grave risco sanitario”, engade o concelleiro.

En todo caso, apunta a alcaldesa Digna Rivas, “a Gala do Deporte non se suspende, senón que de apraza ata o verán 2021 no que se desenvolverá ao aire libre, nun lugar por determinar, e que no caso de continuar en alerta sanitaria permitiría a súa celebración con todas as garantías”.

Pese ao adiamento da Gala do Deporte, o Concello de Redondela e a Concellería de Deportes que xestiona Nacho González, seguen facendo actos de recoñecemento na Casa do Concello aos e ás deportistas e clubs do municipio polos seus éxitos deportivos nas máis diversas disciplinas.

Ese recoñecemento, importante polo que supón de posta en valor do traballo de deportistas e clubs, “ten que ser recollido nun acto de agradecemento e felicitación conxunta a todos aqueles que, ano tras ano, fan que Redondela siga sendo un referente no eido deportivo”, e ese é, precisamente, o espírito da Gala do Deporte “que debe ser unha auténtica festa, algo que as actuais circunstancias de emerxencia sanitaria, non fan posible”, apunta Rivas.