O Equipo de Goberno do Concello de Redondela segue adoptando medidas non só para evitar a propagación do coronavirus, senón tamén para axudar aos colectivos máis vulnerables como persoas maiores que vivan soas ou aqueles de especial vulnerabilidade que miran agravada a súa situación polo confinamento nas súas vivendas.
Así, o Concello habilitará un sistema de reparto de alimentos co fin de garantir a cobertura das necesidades básicas das familias con menores beneficiarias das axudas de comedor escolar e que, con motivo da suspensión da actividade lectiva, carecen dende o pasado venres deste servizo.
Dende o Departamento dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos estableceranse as oportunas axudas en concepto de alimentación de cara tanto a evitar posibles situacións de risco coma para garantir a nutrición e dieta axeitadas dos e das menores.
Do mesmo xeito, e para os casos nos que sexa necesaria algunha axuda ou apoio, ben por ser unha persoa maior e atoparse só ou soa ou por pertencer a un colectivo de risco, poden contactar co Departamento dos Servizos Sociais, no 986 402 608.
Mercados de abastos
O Concello de Redondela tamén adiantou a adopción de medidas de control sobre os mercados de abastos de Redondela e Chapela de cara a permitir “unicamente o número de persoas que sea acorde coas dimensións do establecemento e que permitan manter a distancia mínima de seguridade” unha distancia que “nunca inferior a un metro”. Na mesma liña de actuación, controlarase que consumidores como traballadores e traballadoras manteñan a distancia de seguridade. En todo caso, os e as axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que consideren oportunas encamiñadas ao cumprimento estrito das normas.
Servizo de taxi
Os taxis tamén deberán velar polo cumprimento das normas preventivas establecidas para o que “deberán levar carteis informativos no interior dos vehículos coas recomendacións sanitarias de hixiene” e do mesmo xeito, sinala o Goberno local “desaconsellando viaxar agás por razóns inaprazables”.
Recomenda o equipo de Goberno adoitar “medidas de hixiene extraordinarias” para garantir tanto a saúde de taxistas coma de usuarios e usuarias. Entre as medidas están a ventilación frecuente, desinfección das zonas de uso intensivo e a limpeza frecuente de mans por parte dos e das profesionais para evitar contaxios.
Vodas
Finalmente, o número de participantes nas vodas civís quedarán reducidos aos contraentes e dúas testemuñas, co fin de garantir aos asistentes a posibilidade de respectar entre eles a distancia de seguridade dun metro.