Sábado, 3 Maio de 2025

Recuperación de ‘A Pantalla’ en Cesantes, un paso máis na protección do patrimonio cultural de Redondela

Pese a ser un elemento non recollido no catálogo das NSP de Redondela nin o Plan Básico autonómico, o concello solicitou un informe a Patrimonio para proceder á súa restauración e posta en valor

‘A Pantalla’ de Cesantes, un elemento estreitamente vinculado á parroquia de Cesantes, vén de ser obxecto de traballos de restauración e recuperación por parte da Concellería de Patrimonio que xestiona María Castro seguindo a liña de posta en valor dos elementos do patrimonio cultural, artístico e etnolóxico do municipio.

Cómpre salientar que, pese a que este elemento non estaba recollido nas nas Norma Subsidiarias de Planeamento de Redondela nin no Plan Básico autonómico de elementos patrimoniais, o Concello que preside Digna Rivas solicitou un informe a Patrimonio para que, a recuperación de ‘A Pantalla’ se fixera seguindo estritos criterios técnicos que protexeran este elemento singular.

Digna Rivas, lembrou que a recuperación de ‘A Pantalla’ “non é un traballo illado, senón que forma parte dun proxecto de posta en valor do patrimonio do municipio”. Cómpre subliñar que ao abeiro deste programa recuperouse o Cemiterio de Eidos, “sumido no máis absoluto dos abandonos” e restauráronse a Fonte da Raíña e a Fonte de Santiago, entre outras moitas actuacións.

De feito, no informe de Patrimonio sinálase que “pola súa singularidade pode tratarse dun ben do patrimonio etnolóxico” e define como tal “os lugares, bens mobles ou inmobles, expresións, crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideran relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia”.

O estado de ‘A Pantalla’ distaba moito de ser bo xa que os técnicos apreciaron “mal estado de conservación con grafitis e a presenza de liques” polo que informaban favorablemente sobre a limpeza e restauración do mesmo seguindo os procesos que se aplica a calquera ben patrimonial.

Os traballos comezaron pola demolición do muro de fábrica de bloque contiguo e a limpeza e rexuntado da mampostería e limpeza dos graffitis para, de seguido, proceder á aplicación de tratamento biocida e hidrofugante e de barreira protectora reversible antigraffitis.

Para protexer ‘A Pantalla’ a limpeza fíxose manualmente e non utilizando, en ningún caso, técnicas como o chorreo de area ou auga a alta presión. Para conservar o seu aspecto orixinal, e seguindo as recomendacións de Patrimonio, non se empregaron morteiros de cemento optando só polos tradicionais a base de cal ou ben de cal e arxila.

‘A Pantalla’

A maiores da recuperación da estrutura, a Concellería de Patrimonio situou nas inmediacións un completo panel informativo no que, polo miúdo, explícanse tanto detalles arquitectónicos como históricos ou mesmo que fan referencia a tradicións da parroquia de Cesantes. Así, no panel explicativo e sinalando o remate superior de ‘A Pantalla’, unha lenda co título ‘Se quedaba arriba, casaban’ da conta dunha costume dos mozos e mozas “que baixaban dende O Viso e Cesantes cara a Redondela de utilizar o monumento como un oráculo, botando pedras no ‘tímpano’ (adorno triangular da parte superior) para ver se ían casar: se a pedra quedaba na cornisa, a resposta era positiva”.

A posta en valor da pantalla é, polo tanto e dende esa perspectiva, algo máis que a recuperación dunha estrutura, senón tamén o mantemento das propias tradicións da parroquia as veces, descoñecidas para a poboación máis nova. Así mesmo, o panel logo de facer un percorrido detallado polas algunhas inscricións que aínda se poden apreciar, amosa outros elementos similares situados tanto no ‘Camiño Real’ como noutras provincias de España.