Venres, 9 Maio de 2025

Protección Civil de Redondela percorre as parroquias informando á veciñanza con especial atención as persoas maiores que viven soas

Voluntarios e voluntarias de Protección Civil percorren as parroquias de Redondela para atender ás necesidades das veciñas e veciños durante a crise do COVID-19, unha labor que vai dende ofrecer información á veciñanza das medidas de protección que teñen que adoptar para evitar o contaxio, ata ocuparse especialmente daquelas persoas maiores que viven soas.

Nesa liña, explica a alcaldesa Digna Rivas, “tivemos claro dende o primeiro momento, que esa labor tiña que estar en mans de Protección Civil que conta con persoas voluntarias, altamente cualificadas e perfectamente capacitadas tanto para informar como para axudar ás veciñas e veciños que o precisen”.

A maiores dese traballo, os voluntarios e voluntarias encárganse da distribución e reparto de alimentos ás familias que teñen nenos e nenas beneficiarios do comedor escolar. A elección de Protección Civil para este cometido, sinala o Equipo de Goberno de Redondela, “responde á necesidade de que ese servizo sexa desenvolvido por persoas con coñecementos sanitario, de xeito que os alimentos aos nenos e nenas beneficiarios, fágase con todas as garantías”.