Sábado, 3 Maio de 2025

Os seis libros sobre as parroquias de Redondela pódense descargar, gratuitamente, dende a web do Concello

O Servizo de Normalización Lingüística, dependente da Concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, ofrece esta posibilidade “ante a extraordinaria acollida dos libros por parte da veciñanza"

A web do Concello de Redondela ofrece, dende hai uns días, a posibilidade de descargar, de xeito totalmente gratuíto, os libros editados polo Servizo de Normalización Lingüística e nos que se recollen interesantes datos sobre a historia e patrimonio das parroquias do municipio.

A alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, salientou “a extraordinaria acollida” que tiveron os seis libros editados ata o momento e que percorren as parroquias de Cabeiro, Cesantes, Negros, Reboreda, Trasmañó e Ventosela, exemplares que agora “veciñas e veciños poderán descargar, gratuitamente en formato PDF dende a web do Concello” (http://redondela.gal/).

De cada exemplar levamos impresos preto de 1500 libros o que significa que “que a lectura en galego arredor do patrimonio local chegou a moitas casas”, declara Digna Rivas quen engadiu que o Concello “prepara unha campaña de promoción destes libros para as vindeiras semanas”.

Finalmente, o SNL adianta a próxima aparición de tres novos títulos: Cedeira, Saxamonde e Vilar de Infesta, exemplares que, como os anteriores, contarán con cubertas pintadas polo artista local Ángel Barros.