17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaOs informes sobre a recollida de algas en Redondela subliñan que "realízase...

    Os informes sobre a recollida de algas en Redondela subliñan que “realízase de xeito totalmente manual”

    O Concello de Redondela, a través da Concellería de Medio Mariño que xestiona Nacho González, deu hoxe a coñecer dous informes sobre as labores de recollidas de algas nos areais do municipio –un da empresa encargada dos traballos e outra do xefe de equipo e coordinador do persoal de praias– que confirman que “a retirada de algas realízase de xeito totalmente manual con horquillas e rastrillos” utilizando só medios mecánicos para o transporte, desmentindo por tanto as afirmacións formuladas por AER nas que aseguraba que se estaban a utilizar métodos agresivos coa biodiversidade como “escavadoras para limpar o areal”.

    De feito, sinala a alcaldesa Digna Rivas, o informe solicitado pola Concellería de Medio Mariño ao xefe de equipo e coordinador do persoal de praias, sinala textualmente que “dende o inicio do servizo de limpeza de praias, que comezou o pasado mes de xuño, a recollida de algas sempre se fixo da mesma maneira, de forma manual, e coa mesma maquinaria, un tractor propiedade do Concello e vehículos Corvis”.

    Para deixar máis clara a situación actual, Digna Rivas chama a atención sobre o feito que, unha vez que a competencia nesta materia pasa da Concellería de Medio Ambiente á de Medio Mariño “os traballos seguen realizándose exactamente do mesmo xeito e, en ningún caso utilizando excavadoras, como afirma AER”.

    Tanto é así que o informe explica, detalladamente, que logo do cambio de concellería “a recollida de algas faise de maneira manual con rastrillos e horquillas que se utilizan para facer montóns de algas. Estas, posteriormente, son cargadas no cazo do tractor propiedade do Concello e nos vehículos Corvis e transportadas aos contedores de Urbaser para, posteriormente ser levadas polos camións da empresa que xestiona os residuos do Concello”.

    É dicir, insiste a alcaldesa, “estanse a utilizar exactamente os mesmos medios e o mesmo sistema que o utilizado no seu momento pola concellería de Medio Ambiente” polo que engade a rexedora “a afirmación de utilizar maquinaria agresiva é tan falsa como gratuíta e evidencia un descoñecemento absoluto sobre a realidade”.

    O único en que se diferencia a recollida de algas de antes do 17 de xullo –data do cambio de competencias na materia de recollida de algas– e de despois desa data é que, tal e como apunta o informe, “agora se recollen todas as algas sen deixar ningunha no areal sempre que o permitan as mareas nas horas de traballo, xa que a recollida –explica o xefe de equipo– depende das mareas e as algas que non se poden recoller nese momento, recóllense ao día seguinte”.

    Doutra banda, a empresa á que a Concellería de Medio Ambiente dirixida por Roberto Villar (AER) encargou no seu momento a retirada de algas logo das primeiras areas vivas, en maio de 2021, sinala que os traballos realizados nese momento na praia e peirao de Cesantes e na praia de Arealonga de Chapela realizáronse de xeito manual “horquillas e rastrillos” e que posteriormente o Concello “mediante medios mecanizados (tractor con pala) levaron os restos aos contedores proporcionados tamén polo Concello”.

    De ámbolos dous informes dedúcese, afirma a alcaldesa Digna Rivas, “que os medios utilizados antes e despois do traspaso de competencias de Medio Ambiente a Medio Mariño, son exactamente os mesmos, co mesmo método de traballo e a mesma maquinaria que xa entón se utilizaba por parte da Concellería que dirixía Roberto Villar, para o traslado das algas recollidas aos colectores”.

    A alcaldesa redondela “lamenta que por parte de AER pretenda confundirse á cidadanía recorrendo a informacións que, en absoluto, se axustan á realidade e que, queremos crer, débense a unha simple falta de información e non a un intento deliberado de terxiversar os feitos”.

    “Somos plenamente conscientes da importancia do noso medio ambiente e da conservación do medio mariño –matiza Digna Rivas–, unha concienciación que ven dada non só polo feito de atoparnos nunha zona de extraordinaria importancia medioambiental incluída na Rede Natura 2000, senón tamén polo feito de que un medioambiente sustentable contribúe ao mantemento da forma de vida de moitas familias que teñen, no medio mariño, o seu sustento”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.