Venres, 9 Maio de 2025

O servizo contra incendios inicia a desinfección do CAPD de Chapela logo de terse detectado un positivo en COVID-19

Nestes intres, das 120 prazas que ten o centro, seis residentes atópanse illados por precaución, ademais da persoa que deu positivo

O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios, a instancias da Xunta de Galicia, comezou hoxe a desinfección dos exteriores do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, no marco do operativo activado a nivel galego nas residencias de maiores, persoas con discapacidade e centros de saúde de 200 concellos galegos. Mañá mesmo unha empresa contratada pola Xunta de Galicia procederá tamén a limpeza do interior.

No CAPD de Redondela seguíronse os protocolos establecidos, despois da detección dun positivo de COVID-19 nunha das persoas residentes. Activáronse todas as medidas de resposta contra o virus e realizáronse as probas necesarias nos casos que indican os profesionais de Medicina Preventiva. O persoal do centro “está traballando con tranquilidade, profesionalidade e gran dedicación”, sinala a Xunta de Galicia.

O centro conta con equipos de protección individual (EPIs), unha dotación que se reforzou este martes co envío, desde a Delegación Territorial da Xunta en Vigo de batas de protección e máscaras.

No CAPD de Redondela, que conta con 120 prazas, atópanse illados nestes momentos por precaución seis residentes, ademais da persoa que deu positivo.