12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO pintor e restaurador local Angel Barros doa un retrato de Valle-Inclán...

    O pintor e restaurador local Angel Barros doa un retrato de Valle-Inclán á Biblioteca Municipal

    Durante a Semana do Libro a biblioteca de Redondela recibiu un verdadeiro agasallo da man do pintor e restaurador local Ángel Barros. Trátase dun retrato sobre lenzo de Ramón María del Valle-Inclán –autor que dá nome á biblioteca municipal redondelá– e que foi enmarcado polo carpinteiro do Concello seguindo as indicacións do propio artista.

    No acto de presentación deste cadro, que xa está pendurado no lugar de honra que lle corresponde nunha das salas da biblioteca que leva o seu nome, estiveron presentes a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o autor da obra, Ángel Barros; a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e a directora da Biblioteca Elena Becerra.

    A alcaldesa Digna Rivas, agradeceu a Ángel Barros este agasallo “que afonda aínda máis no estreito vínculo que une a Redondela e Valle-Inclán”. Nese sentido, a rexedora local lembrou que, hai uns meses, o Concello decidiu trasladar o busto do ilustre autor “antes na praza de Figueroa onde pasaba case que desapercibido, a un lugar onde adquire a importancia que merece, como é á entrada do Multiúsos da Xunqueira, onde está situada a Biblioteca redondelá.

    Digna Rivas lembrou que Ángel Barros “está sempre disposto e de maneira altruísta a colaborar coas iniciativas promovidas pola institución”. De feito, as portadas dos libros dedicados ás parroquias, promovidos dende o Servizo de Normalización Lingüística, son tamén obras súas.

    Por último, a Alcaldesa indicou que Redondela está comprometida coa obra de Ángel Barros, como consta na declaración aprobada o pasado ano polo Pleno municipal e adiantou que se está a traballar “no proxecto museístico e na documentación para formalizar a entrega da obra de Ángel Barros ao pobo de Redondela”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.