Sábado, 3 Maio de 2025

O Obradoiro Fernando Monroy actualiza os elementos patrimoniais de Cesantes

O Obradoiro presenta este sábado o libro 'Inventario de canastros, cruceiros, portóns, fontes, lavadoiros e muíños de Cesantes', unha actualización da primeira publicación que incorpora numerosos monumentos que se foron atopando nos últimos anos

O Obradoiro Fernando Monroy presenta este sábado no CEIP Outeiro das Penas de Cesantes ás 18:00 horas o libro ‘Inventario de canastros, cruceiros, portóns, fontes, lavadoiros e muíños de Cesantes’. Esta publicación é unha revisión e actualización da primeira que realizou o colectivo.

Naquel momento foi unha primeira experiencia e agora, máis dunha década despois, aparece revisada, cunha edición editorial moito máis coidada e coa incorporación dun gran número de elementos que se foron descubrindo nos últimos anos.

Click para ampliar

O traballo esixiu ós integrantes do colectivo e os seus colaboradores unha tarefa intensa de traballo de campo para comprobar o estado de moitos elementos anos despois da primeira recompilación e fotografar e catalogar aqueles descoñecidos que foron aparecendo nos últimos anos. De feito, incluso se atoparon unha serie de muíños no entorno do río Pexegueiro. Para isto contouse coa imprescindible colaboración dos veciños de Cesantes que, coas súas informacións, guiaron ó colectivo en todo o traballo de campo.

O acto de presentación contará coa intervención de varios especialistas nesta temática e será no ximnasio do centro escolar para gozar dun aforo o máis amplo posible dentro das restricións sanitarias existentes na actualidade. Este aforo, en todo caso, será reducido e situarase sobre o medio centenar de asistentes. Unha vez cubertos os sitios, non se permitirá a entrada a ninguén máis. Por suposto, a máscara é obrigatoria e tamén se solicita ós asistentes que acudan cun certo marxe de tempo ó centro escolar para evitar, no posible, calquera tipo de aglomeración.

P.D. Axuntamos as fotografías da portada lo libro, do cartel de presentación e dunha saída para a catalogación de elementos.