Sábado, 3 Maio de 2025

O multiúsos de Chapela, escenario da mostra integradora «Sorrisos transformadores»

Cristina Palacios, presidenta de ARELAS, ofreceu unha charla-coloquio sobre as persoas trans* acompañada da deputada de Cultura, Victoria Alonso e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas

A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Menores Trans* de Galicia (ARELAS) inauguraron este mércores 29 de xaneiro, no multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela, a exposición ‘Sorrisos Transformadores’. No acto participaron a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso; a alcaldesa de Redondela, Digna Riva e Olga García Ballesteros e Daniel Boullosa, concelleira e concelleiro de Ensino e Cultura, respectivamente.

A mostra, que forma parte dun proxecto audiovisual para a visibilización do colectivo LGTBI, pode visitarse no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela de luns a venres entre as 16:00 h e as 21:00 horas, (polas mañás concertando cita previa), ata o vindeiro 10 de febreiro. Unha vez pechada a mostra, esta trasladarase ao concello de Salvaterra de Miño.

Na inauguración da exposición contouse coa presenza dun grupo de 180 alumnos e alumnas de quinto e sexto do CEIP Laredo e CEIP Alexandre Boveda; alumnado de quinto do CEIP Igrexa e os alumnos e alumas de primeiro da ESO do Ies Chapela.

‘Sorrisos Transformadores’ é unha mostra itinerante que está a percorrer a provincia e tamén algún outro emprazamento fóra de Pontevedra, coma Betanzos ou Santiago. A exposición consta de 10 fotografías de Noemí Chantada nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta.

Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou idea sobre a protagonista ou a súa contorna. Entre as retratadas inclúense persoas de relevancia social, sexan ou non trans*, pero relacionadas coa súa realidade pola súa profesión –educación, dereito, política, psicoloxía– e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe.

Digna Rivas agradeceu a presenza de Cristina Palacios e da deputada Victoria Alonso e o traballo da Deputación de Pontevedra ao desenvolver “unha iniciativa máis que necesaria á hora de previr actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero”. A rexedora local subliñou a necesidade de traballar arreo á hora de “combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero”

Trátase, rematou a alcaldesa de Redondela, de “visibilizar, sensibilizar e naturalizar ao colectivo Trans* como así xa o estamos a facer dente o Concello de Redondela”.