Sábado, 3 Maio de 2025

O multiusos da Xunqueita acolle o programa “Redondela Xove”

O Concello de Redondela abriu un novo espazo dedicado á mocidade localizado nunha das zonas máis utilizadas  polos máis novos no Multiusos da Xunqueira. O espazo servirá para a xuntanza libre, pero tamén para a organización de obradoiros de balde por parte do Concello.

“Ata a chegada do Goberno socialista ao Concello de Redondela, os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 18 anos, foron os grandes esquecidos. Ademais de ofrecer actividades enfocadas á mocidade, tamén queremos ofrecerlles un espazo novo para a súa vida social. Alí poderán xuntarse de forma libre ou participar nas actividades que iremos anunciando ao longo dos próximos meses”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas na presentación das primeiras actividades do Verán 2023 que se desenvolven dentro do programa «Redondela Xove».

A primeira das actividades do programa comezou o 28 de abril e trátase dun Obradoiro de mural inspirado no Grafiti que continua o 5 de maio, en horario de 19h a 21h. A actividade, totalmente de balde, acolleu a unha vintena de mozos e mozas. “Durante a actividade os e as participantes puideron traballar nun mural coa artista redondelá Paula Amoedo que decorará o novo espazo dedicado á xuventude no Multiusos da Xunqueira. Esta é unha forma de ofrecerlles a sala permitíndolles participar na súa mellora de forma activa, para que sintan que é deles e delas e formen un recordo que dará inicio a moitos momentos de lecer e cultura no lugar sinalado”, explicaba Rivas.

O obradoiro de Fotografía Analóxica comezou o sábado 29 de abril e continuará o sábado 6 de maio de 19:00 a 21:00 horas. Neste caso o obradoiro tamén é de balde e, aínda que xa comezo, ten algunha praza dispoñible. Este obradoiro estará impartido por Noemi Parga Iglesias fotógrafa viguesa e docente da escola Aula D de deseño en Vigo.

Os obradoiros precisan de inscrición previa no Multiusos da Xunqueira, de forma presencial ou chamando ao 986 40 28 65.

A alcaldesa redondelá asegurou que “ao longo do verán, «Redondela Xove» terá máis sorpresas”.