O Grupo Municipal Socialista do Concello de Redondela cuestionou onte unha das últimas decisións de AER antes de abandonar o Goberno local e que da que o grupo socialista non tiña coñecemento: contratar unha empresa para que elabore unha páxina web a través da que se poida facer unha enquisa popular sobre os festivos locais.
A idea podería parecer incluso coherente, afirma o grupo municipal do PSOE, “se non fora polo feito que esa mesma enquisa realizouse o ano pasado, con persoal propio do Concello, sen custe engadido para as arcas municipais”. Os resultados da consulta foron claros e a veciñanza elixiu por amplísima maioría que os festivos locais para este 2021 foran o Día da Coca e o luns do Cristo.
Na enquisa non vinculante realizada, pedíase á veciñanza que elixiran os festivos locais entre catro datas: Xoves da Coca, Luns do Cristo, Martes de Entroido e 24 de Xuño, San Xoán. Os resultados, explica o grupo socialista “non deixaron lugar a dúbidas: 2.124 votos para o Xoves da Coca, 1.870 votos para Luns do Cristo, 287 votos para o Martes de Entroido e 129 votos para o 24 de xuño, San Xoán.
Asemella agora, aseguran as e os concelleiros socialistas “que os resultados acadados nesa enquisa non foron do agrado de AER –empeñado en que un dos festivos fora o martes de Entroido e o outro o día de San Xoán– polo que decidiu, unilateralmente, contratar a unha empresa para repetir a consulta cun gasto de 1.391,50 euros”.
O Grupo Municipal Socialista aclara que, agora, o Concello de Redondela terá que facer fronte a un gasto “tan absurdo como innecesario” ao estar o contrato coa empresa xa formalizado. O PSOE reafirma a necesidade de fomentar a participación cidadá “é habilitar as canles necesarias para que dita participación sexa efectiva”.
Nese sentido insiste en que os obxectivos de “consultar á cidadanía sobre as festividades locais, foron perfectamente cumpridos o pasado ano con persoal propio do Concello e sen necesidade de recorrer á contratación de medios externos”.
Polo tanto, conclúen as e os socialistas, “a proposta que levaremos ao Pleno da Corporación sobre os festivos locais do 2022, será a de respectar as festividades que a veciñanza, por amplísima maioría, elixiu no seu momento: o Xoves da Coca e o Luns do Cristo”.