8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Goberno redondelán mellora a accesibilidade da Praza de Abastos coa instalación...

    O Goberno redondelán mellora a accesibilidade da Praza de Abastos coa instalación dun ascensor

    As obras, amais de permitir que a instalación cumpra coa normativa de accesibilidade en edificios públicos, permitirá a dinamización da primeira planta á que só se podía acceder a través das escaleiras

    O Concello de Redondela vén de dar por rematadas as obras de accesibilidade da Praza de Abastos coa instalación dun ascensor que permitirá que, por unha banda, este edificio municipal cumpra coa normativa de accesibilidade en edificios públicos e por outra permita a dinamización e aproveitamento da primeira planta do inmoble, accesible ata o de agora só a través das escaleiras.

    As obras, realizadas pola empresa Ocisat, S.L. supuxeron un investimento de 44.048,46 euros –IVE incluído– e contaban cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural –no programa de subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais– e cofinanciadas polos fondos europeos FEDER.

    A mellora a accesibilidade era un paso imprescindible para o obxectivo que para esta instalación teñen marcadas as concellerías de Feiras e Mercados e Comercio, que xestionan Vicente Lamas e María Castro, respectivamente, que non é outro que converter a praza de abastos de Redondela nun mercado moderno e competitivo e que poña en valor o comercio de proximidade e sexa referencia de produtos de calidade.

    Tanto a alcaldesa como a concelleira de Comercio lembraron que as obras de accesibilidade agora realizadas, “non son máis que o punto de partida dun programa de modernización que contempla a rehabilitación total do edificio” e para o que “xa existe un proxecto de reforma con máis de 1,5 millóns de euros de investimento”.

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas insistiu na importancia de que o Mercado de Abastos de Redondela, modernizado e accesible, convértase “no centro dinamizador da economía da contorna” . A Praza de Abastos, afirmou a rexedora redondelá, “é xa un lugar de venda de produtos de proximidade de calidade contrastada e, ten que dar agora un paso adiante, para ser tamén un espazo vivo e centro de dinamización social da zona”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.