Domingo, 4 Maio de 2025

O Goberno local pon en marcha una nova edición do programa «Maiores en Ruta»

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Persoas Maiores dirixida por Iria Vilaboa, leva medio ano traballando na iniciativa “Maiores en Ruta” coa intención de ofrecer ás persoas maiores de 55 anos a posibilidade de gozar de excursións dun día de duración a lugares de interese cultural, histórico ou patrimonial.

Os roteiros, que son de periodicidade mensual, están abertos á participación de todas as veciñas e veciños maiores de 55 anos empadroados en Redondela. O prezo da actividade varía dependendo de factores como pode ser, por exemplo, a distancia da viaxe, aínda que serán accesibles a todos os petos. O prezo incluirá desprazamentos, visitas, comida nun restaurante e seguro de viaxe.

Despois do éxito das primeiras programacións, como a saída do 27 de maio a Ribadavia, os veciños e veciñas da contorna comezaron a apuntarse en masa. A seguinte saída estaba programada para A Estrada, Silleda e Caldas de Reis o 5 de outubro, pero no primeiro día de apertura de prazas xa estaban anotadas 250 persoas. Por este motivo a alcaldesa, Digna Rivas, decidiu ampliar as datas da excursión “engadimos un día máis pola extraordinaria recepción que está tendo a iniciativa. Non queremos que ninguén se quede fora e por iso decidimos ampliar a data e facer a mesma excursión o 28 de setembro. A intención é que as persoas maiores poidan socializar e facer actividades ao aire libre, polo que queremos que teñan a oportunidade de facelo a maior xente posible”.

Para poder participar nesta actividade, as e os interesados deberán cubrir un formulario que se lles facilitará na oficina de Turismo (situada nos baixos do Concello) onde se lles facilitará toda a información. A inscrición aínda está aberta ata este venres 23 de setembro.