9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Goberno local denuncia “os incumprimentos” dos compromisos adquiridos pola Xunta en...

    O Goberno local denuncia “os incumprimentos” dos compromisos adquiridos pola Xunta en materia educativa

    O Consello Escolar acordou, por unanimidade, esixir á Consellería de Educación a implantación do Bacharelato de Artes para o municipio “a fin de garantir o dereito á educación e a igualdade de oportunidades para toda a mocidade de Redondela”

    O Goberno local de Redondela, que preside a alcaldesa Digna Rivas, denunciou hoxe os “continuos e reiterados incumprimentos” da Xunta de Galicia con respecto aos compromisos adquiridos co Concello redondelán en materia de educación, compromisos referendados pola delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, durante unha reunión mantida en maio do 2021 coa alcaldesa redondelá.

    Para a rexedor local non é de recibo que de obras como a ampliación do IES Pedro Floriani, “anunciadas pola Xunta como inminentes, non se teña noticia algunha, ao igual que acontece coas pistas polideportivas do IES Illa de San Simón para as que o Concello segue a espera dun convenio de colaboración do que non hai noticias”.

    “Cando o Concello adquire un compromiso con outra administración ou coa veciñanza á que representa, o cumpre. Tristemente a Xunta de Galicia mídese por outros baremos, entre eles ‘a afinidade política’ dos concellos, sen decatarse que a administración local é representante de toda a veciñanza sen ningún tipo de distinción”.

    Nese sentido, o Consello Escolar de Redondela, órgano consultivo e de participación de todos os sectores implicados no ensino, acordou na súa última reunión esixir á Xunta de Galicia a realización “urxente” de distintas obras nos centros escolares “e que faga fronte aos compromisos adquiridos no seu momento coa comunidade educativa”. Algunhas das obras esixidas levan no esquecemento máis dun ano, –como é o caso do arranxo das fiestras do Colexio de Cesantes e o Alexándre Bóveda– e outras poden ter incluso repercusións para a saúde da comunidade educativa como é o caso da retirada de amiantos dos colexios especialmente no IES Pedro Floriani.

    En todo caso, lembra a alcaldesa de Redondela, “trátase de que a Xunta faga fronte aos compromisos adquiridos co Concello e a comunidade educativa”.

    Bacharelato de Artes

    Doutra banda, o Consello Escolar Municipal aprobou, por unanimidade, esixir á Xunta de Galicia a implantación dun Bacharelato de Artes no municipio de cara “a garantir o dereito á educación e á igualdade de oportunidades para toda a mocidade de Redondela”.

    No escrito, o Consello lembra que a necesidade de implantar este bacharelato foi referendada, tamén por unanimidade, polo Pleno da Corporación do 28 de xuño do 2021 e pola Comisión de Ensino do Parlamento de Galicia do 22 de setembro do mesmo comprometéndose “a cuantificar a demanda destes estudos como paso previo á súa implantación no curso 2022/2023 vendo a demanda existente destes estudos en Redondela”.

    A alcaldesa Digna Rivas lémbralle á administración educativa “que Redondela é o cuarto municipio da provincia e, aos seus mozos e mozas, estáselle a negar unha especialidade do bacharelato que se lle deu a concellos con menor número de habitantes”. A rexedora local subliñou que a implantación destes estudos “non só beneficia ao alumnado do municipio de Redondela, senón tamén ao do veciño Pazos de Borbén cuxos mozos e mozas estudan nos IES redondeláns, ou mesmo aos estudantes de Soutomaior que carecen desta especialidade de bacharelato”.

    Por ese motivo, o Consello Escolar acordou “esixir a implantación do Bacharelato de Artes en Redondela o próximo curso 2022-23 á Consellaría de Cultura, Educación e Universidades” e, ao mesmo tempo, trasladar o acordo acadado “ao Goberno Municipal de Redondela, á Xefatura Territorial de Educación, á Consellaría de Cultura, Educación e Universidades e aos medios de comunicación”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.