Sábado, 3 Maio de 2025

O Goberno local da resposta a unha demanda histórica de Cesantes coa instalación dun semáforo na N-550 preto do CEIP Outeiro das Penas

O Concello de Redondela instalará un semáforo na estrada N-550 nas inmediacións do CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes, dando resposta dese xeito a unha demanda histórica da veciñanza e mellorando a seguridade viaria nunha zona que rexistra un alto tránsito de peóns xa que é paso obrigado do Camiño de Santiago e do alumnado e familias do CEIP Outeiro das Penas.

O Goberno local xa remitiu toda a documentación ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) quen expediu a correspondente autorización para que o Concello poida comezar cun traballo que a veciñanza leva reclamando dende hai anos sen que, ata o de agora, se lle dera solución ao que é un problema grave de seguridade.

O paso de peóns regulado por semáforo, quedará instalado entre as dúas paradas de autobuses e a intersección de acceso ao CEIP Outeiro das Penas.

Cómpre lembrar que, nesa liña de actuación, o actual Goberno local foi quen de, en menos dun ano, dar tamén resposta á inseguridade viaria existente en Angorén, na parroquia de Chapela, instalando outro semáforo para permitir que alumnos e alumnas do CEIP Alexándre Bóveda puideran cruzar a N-552 sen risco algún.

Ámbalas dúas actuacións eran “demandas da veciñanza que levaban anos sen ver satisfeitas e que este Goberno, á súa chegada ao Concello, considerou como de absoluta prioridade”, explica a alcaldesa Digna Rivas para quen “non hai nada máis importante que a seguridade dos nosos nenos e nenas e da veciñanza que circula a pe por estas dúas zonas e que, agora, poderá facelo de xeito máis seguro”.