O Concello de Redondela, a través da Concellería de Vías e Obras que xestiona Vicente Lamas, procedeu nestes días ao repintado de todo muro frontal da praia de Arealonga que, días atrás, apareceu cheo de pintadas nun acto de vandalismo “que nada ten que ver coa libre expresión das ideas de cada quen”, afirma o Goberno local.
As pintadas afectaron ao muro frontal que separa a praia de Arealonga do paseo e ao mobiliario urbano da contorna
“A liberdade de expresión non inclúe danar espazos comúns patrimonio de toda a veciñanza”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas. Estes actos “din ben pouco daqueles que os realizan e demostran claramente que non lles importa que o Concello teña que destinar cartos de todas as veciñas e veciños, a reparar os danos que ocasionan”.
O Concello arranxou os danos coa maior rapidez posible dado que Arealonga e un lugar no que diariamente danse cita centos de veciños e veciñas, tanto para acudir ás instalacións municipais e educativas da contorna como para gozar do que é un dos balcóns de Redondela á ría e lugar de ocio e paseo por excelencia de Chapela.
“A xente que realiza este tipo de accións –di Digna Rivas– debería ter presente que os espazos públicos non son lugares de ninguén, senón lugares de todos e todas, patrimonio de todos os veciños e veciñas e que os danos que ocasionan supoñen un prexuízo económico para a cidadanía e un gasto engadido as arcas municipais”.
O Concello repara os danos causados polas pintadas nos muros da praia e paseo de Arealonga e no mobiliario urbano da contorna
“A liberdade de expresión non inclúe danar espazos comúns patrimonio de toda a veciñanza e cuxo arranxo supón un custe para o peto de veciñas e veciños”, asegura a alcaldesa Digna Rivas