Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello lamenta os actos vandálicos de que foi obxecto o campo de fútbol de Chapela

O Concello de Redondela lamentou os actos vandálicos de que foi obxecto o Campo de Fútbol de Chapela, propiedade da Comunidade de Montes da antedita parroquia “e prestará a súa colaboración para dar coa persoa ou persoas responsables dos feitos”.

“Tíñamos visto moita cousas –asegura a alcaldesa Digna Rivas– pero nunca tíñamos mirado que roubaran céspede dunha instalación deportiva” e é que a sorpresa dos responsables do campo foi maiúscula cando, chegados á instalación, decatáronse que no espazo comprendido entre a liña que delimita o rectángulo de xogo e o final do terreo, alguén tiña roubado un pedazo de céspede artificial de 10,20 m de longo por 2 m de ancho.

“Non se trata dun acto de gamberrismo xa que o céspede foi perfectamente cortado e cunhas medidas ben definidas”, afirma Digna Rivas quen, unha vez máis, chama á colaboración cidadá para poñer en coñecemento da Policía Local, Concello ou Comunidade de Montes, calquera pista que poida conducir á identificación do autor ou autores de tan lamentables feitos.