Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Redondela flexibiliza o pago fraccionado de taxas para facelo “máis sinxelo, áxil e eficaz”

A crise provocada pola COVID-19 “fai precisas respostas rápidas por parte das administracións para minimizar o seu impacto sobre a veciñanza”, afirma a concelleira de Facenda, María Castro

O Concello de Redondela vén de aprobar a modificación da ordenanza reguladora da xestión de aprazamentos e fraccionamentos das taxas municipais, unha medida coa que o Goberno local busca “flexibilizar, axilizar e facer máis sinxelos os trámites para o fraccionamento” e, dese xeito, diminuír o impacto que a crise provocada pola COVID-19 poida ter entre a veciñanza.

Basicamente, o que se busca por parte do Goberno que preside Digna Rivas é simplificar os trámites para facelos máis rápidos e accesibles. Ao mesmo tempo, sinala a concelleira de Facenda, María Castro, “amplíase a contía existente para este fin dos 6.000 euros actuais ata os 30.000 euros”.

Ante unha situación complicada para moitas familias como a provocada por esta pandemia “as administracións e especialmente un Concello que é a máis próxima á cidadanía, ten que dar respostas rápidas para minimizar os impactos desta crise sobre a cidadanía”, salienta a responsable de Facenda. Neste caso axilízase o procedemento de xestión das solicitudes simplificando a documentación esixida e, ao mesmo tempo, flexibilizando os requisitos establecidos.

Coa modificación da ordenanza, todos aqueles veciños e veciñas que precisen fraccionar o pago de taxas o poderán facer un xeito máis rápido “sen máis trámite que presentar unha solicitude asinada no Concello”. Os únicos requisitos son que o importe a fraccionar sexa maior de 100 euros e que a mensualidade a pagar non sexa inferior a 20 euros.

Digna Rivas subliñou que a modificación desta ordenanza “beneficiará a moitos veciños e veciñas facendo que o pagamento das taxas, como por exemplo a do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica que hoxe entraba en vigor, sexa menos gravosa para as xa maltreitas economías familiares”.