Domingo, 11 Maio de 2025

Goberno de Redondela adopta medidas para evitar a propagación coronavirus

Ao peche, dende a tarde de onte, do multiúsos, piscina municipal, bibliotecas, pavillóns de deportes e museo, únense os centros culturais das parroquias e os parques infantís

O Comité de Seguimento do Covid-19 do Concello de Redondela vén de tomar unha serie de medidas que, na medida do posible, contribúan a evitar expansión do virus. O Comité, do que forman parte a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a interventora e secretaria municipal e as tres tenentas de alcalde “informará puntualmente”, logo de cada reunión, aos portavoces dos grupos municipais da Corporación Municipal “porque é un asunto que trascende á vida política e atinxe a toda a cidadanía”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas.

As medidas adoptadas hoxe mediante unha resolución da alcaldía “teñen como finalidade evitar ou non favorecer a propagación do virus” e, nesa liña, a resolución asinada por Digna Rivas, o concello pecha ao público dende esta mesma tarde, a biblioteca, multiusos, instalacións deportivas, centros culturais, e Museo de Meirande de Rande. A este primeiro listado, engádense os parques infantis municipais e os centros culturais dependentes do Concello de Redondela. En principio, e dependendo de como evolucione a situación, o peche destas dependencias manterase ata o vindeiro 29 de marzo.

No que atinxe ao Conservatorio municipal de música, escolas infantís e demais centros escolares, a actividade queda suspendida “a partir do luns 16 de marzo de 2020” tal e como indica o acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Atención ao público

En canto a atención ao público, tanto no Conservatorio municipal como nas dependencias da Casa do Concello, farase preferentemente de xeito telemático e só no caso de resultar imprescindible acudir presencialmente a instalación municipal, se fará previa cita que se solicitará igualmente vía telefónica no 986 400 300. Esta medida, sinala Digna Rivas, busca “evitar aglomeracións de público e, polo tanto, contribuír a salvagardar a saúde tanto dos veciños e veciñas como do propio persoal municipal”.

En todos os lugares nos que sexa imprescindible a atención presencial polos empregados/as municipais, “adoptaránse as medidas de seguridade, limitando o espazo a unha distancia mínima dun metro co público e adoptando as demais medidas de hixiene recomendadas”.

Actos públicos

O Decreto de Alcaldía asinado onte, tamén fai referencia explícita e clara “á suspensión de todos os actos públicos cuxa organización dependa do Concello, así como todas as actividades e programacións dirixidos a veciñanza e público en xeral”. Faise especial incidencia na suspensión das feiras de Redondela e Chapela lugar no que se dan cita centos de persoas.

Doutra banda, a alcaldesa Digna Rivas fai un chamamento ás empresas concesionarias ou prestadoras de servizos de titularidade municipal “a atender as medidas adoptadas polas autoridades competentes, e a aplicación de solucións que favorezan a protección dos seus traballadores, fomentando as fórmulas de tele traballo, e a xestión telemática e atención telefónica dos usuarios, tendo en conta que se trata de servizos de carácter esencial, debendo garantizar en todo caso a súa prestación”

Persoal municipal

O Concello de Redondela flexibilizará a xornada laboral das traballadoras ou traballadores que teñen fillos, fillas, menores de 12 anos ou maiores dependentes “e que estean directamente afectados polo peche dos centros educativos de de Maiores”.

A alcaldesa de Redondela tamén quixo transmitir unha mensaxe de calma ao sinalar que o Servizo de Axuda ao fogar “seguirase a prestar con normalidade, se ben adoptándose medidas extraordinarias de hixiene e seguridade, atendendo ao protocolo establecido ao efecto pola administración competente”. En todo caso, apunta Digna Rivas, “se algún usuario desexase suspender a prestación do servizo con carácter individual, poderá comunicalo ao servizos social municipais”

A todas estas medidas, que foron dadas a coñer de xeito máis exhaustivo ao persoal municipal, sobre todo no que atinxe ao funcionamento dos distintos departamentos, engádense outras como a da celebración dos plenos a porta pechada e sen asistencia de público “por motivos obvios”.

Digna Rivas fixo tamén un chamamento ás veciñas e veciños a que “limiten, na medida do posible, os seus desprazamentos” e sigan, “en todo momento” as recomendacións que se darán “dende o Concello, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Goberno da nación”. Trátase, sinalou a alcaldesa “dunha situación extraordinaria na que as medidas a tomar terán que irse adaptando á evolución da crise”.