10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO CEIP Porto Cabeiro de Redondela recibe o premio do Concurso-Exposición Letras...

    O CEIP Porto Cabeiro de Redondela recibe o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2021

    As dez láminas que configuran a exposición e mais a unidade didáctica arredor de Xela Arias están dispoñibles no Portal da Lingua Galega

    O colexio CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro, de Redondela, recibiu hoxe o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2021 na modalidade de educación infantil e primaria convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade arredor da figura, vida e obra de Xela Arias, autora homenaxeada este 17 de maio pola Real Academia Galega, polo traballo Xela Arias e as palabras.

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, entregárono hoxe no centro redondelán, nun pequeno acto no que quixeron felicitar “ao alumnado e ao profesorado que participou neste proxecto tan coidado, tan luminoso e no que tan ben coñecen e contan a Xela Arias, a través dun dos termos que seguramente mellor a definan: palabras”. Os responsables da Xunta visitaron tamén o mural de Alba Troiteiro que loce no centro desde este curso, tamén en homenaxe á autora anfitrioa das Letras Galegas 2021, “un fermoso e singular tributo que se suma ao voso recoñecemento como gañadoras e gañadores deste certame ou á biblioteca que leva o seu nome desde o ano 2018”, destacaron. No acto participaron tamén Xulio Gil, en representación da familia Arias Castaño, e a alcaldesa, M.ª Digna Rivas.

    ‘Xela Arias e as palabras’

    Xela Arias e as palabras é o título do proxecto didáctico co que o redondelán CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro se impuxo a varios centros de Galicia no Concurso-Exposición arredor da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021. Nel, a comisión de valoración encargada de resolver a convocatoria salientou a “orixinalidade e creatividade, pola beleza estética e pola diversidade das técnicas empregadas na procura de difundir a vida e a obra de Xela Arias entre o público máis novo”.

    O centro gañador recibiu hoxe, de acordo coas bases do certame, un diploma acreditativo e un cheque por valor 2000 euros. A iniciativa conta tamén coa colaboración de Feiraco Lácteos, no marco das accións de responsabilidade social da cooperativa agrogandeira galega, que contribúe ao premio con lotes de produtos lácteos.

    Recursos de utilidade para a comunidade educativa

    Tanto este traballo coma o do centro gañador na modalidade de ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas Especiais, da autoría do instituto IES Plurilingüe de Ames, están dispoñibles para a súa descarga de balde desde o Portal da Lingua Galega. Ambos os dous supoñen recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e, así mesmo, para o público dos concellos, bibliotecas e asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas. Forman parte da programación institucional que a Xunta de Galicia desenvolta para renderlle tributo a Xela Arias e facer partícipe a toda a sociedade galega da celebración máis importante arredor do 17 de maio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.