Domingo, 4 Maio de 2025

O BNG de Redondela pide que o Pleno exprese o seu rexeitamento ao proxecto do Celta en Mos, en defensa do comercio local

O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González asegura que “debemos estar ao lado dun sector cun futuro incerto”

O Pleno da Corporación redondelá debatirá, na súa reunión ordinaria, unha moción asinada polo voceiro nacionalista Xoán Carlos González “rexeitando o Macroproxecto Comercial do Celta no veciño concello de Mos, e en defensa do pequeno comercio”. O BNG entende que a proliferación de grandes superficies comerciais na área de influencia da cidade de Vigo, “poden supoñer o peche definitivo de centos de pequenos comercios, e a desaparición de miles de postos de traballo”.

“A grave crise por mor da extensión da epidemia do COVID-19, supuxo a parálise da actividade comercial durante dous meses, situación que se vai a ver agravada no futuro inmediato”, sinala o edil nacionalista que aposta pola adopción de iniciativas que afecten á Área Metropolitana de Vigo, en defensa do comercio local.

Ao entender dos necionalistas redondeláns, o proxecto promocionado polo Celta de Vigo pretende expropiar 183.715 m2 pertencentes ao monte en man común de Tameiga (18,7 % do ámbito) e 145.251 m2 propiedade da CMVMC de Pereiras (14,8 % do ámbito), “terreos que perderían a súa función eminentemente social e ambiental pasando a formar parte du negocio especulativo privado”.

Para o BNG este proxecto constitúe un claro exemplo de “pelotazo urbanístico”, con nefastas consecuencias para o pequeno comercio e de proximidade de Redondela, empregando como subterfuxio unha suposta “necesidade deportiva” para instalar unha grande área comercial. Está prevista a construción de 142 locais comerciais, 12 a restauración e varios “de lecer”.

“No canto de utilizar a planificación urbanística para favorecer a especulación e a desfeita do territorio, débese promover unha ordenación racional e a protección dos usos sociais do monte”, apunta González

O voceiro municipal redondelán denuncia a actitude do Partido Popular e do goberno da Xunta que, dende hai décadas “defende a instalación destas grandes superficies comerciais en competenza desleal co comercio de proximidade”.

Xoán Carlos González pedirá que o Concello demande da Xunta unha moratoria por dez anos, para a instalación destas grandes superficies comercias na área de Vigo. “Dende o BNG apostamos por promocionar o pequeño comercio, o comercio de proximidade, de calidade, xerardor de empregos e riqueza, ademáis de dinamizador da economía local e da vida en concellos como Redondela”.