O BNG de Redondela, nun escrito dirixido á Alcaldía, vén de demandar “que se manteña intacta a partida non gastada dos Orzamentos Participativos do 2020 co fin de reinvestilo nas parroquias”, explica o portavoz dos nacionalistas, Xoán Carlos González, que lembra que o 1 % dos orzamentos municipais do ano 2020, “non se investiu nas diferentes parroquias, e que debe respectarse este compromiso”.
“Trátase dunha débeda coas parroquias e polo tanto, reterse a partida para o ano 2021”, afirma o voceiro nacionalista. O motivo de que non se gastaran os 180.000 € nace, segundo os nacionalistas redondeláns, dun acordo entre AER e PP, para sacar adiante os orzamentos do ano 2018. “Os primeiros abstivéronse na votación para que os segundos aprobaran unhas contas nefastas para os e as redondelás” afirma González. Froito destes acordos, engade, “bloquearonse durante ano e medio uns fondos que se deben reinvestir nas parroquias”.
Segundo a información que manexan dende o BNG, “o concello empregou 41.000 euros destes orzamentos sen consultar a ningún consello parroquial, verdadeiros protagonistas dos orzamentos participativos” di Xoán Carlos González que esixe “que se rendan contas desta acción, e que se conxele a partida”.
“Imos seguir moi vixiantes cos orzamentos participativos, pois pretendemos que esta partida na súa integridade, ou as correspondentes a outros anos, se invistan nas parroquias do concello de Redondela”, apunta a formación nacionalista que se compromete “a que os novos orzamentos municipais, se debatan igualmente nos Consellos Parroquiais, para que o movemento asociativo, poida reflectir a súa opinión”.