O BNG de Redondela vén de pedir ao Goberno local a reapertura do Skatepark pechado hai unhas semanas “ante o aumento de casos detectados da COVID-19 que estamos a sufrir”. Porén os nacionalistas aseguran que a única nova medida que se tomou polo aumento de casos foi o peche deste espazo da que son usuarios e usuarias rapazas novas.
O BNG considera que este “é un dos espazos máis seguros e recomendables nestes momentos” xa que se trata dun lugar onde se pode facer deporte individual ao aire libre. Doutra banda, engaden os nacionalistas redondeláns, “nunha situación de pandemia coma esta, as institucións deben dar vías de ocio seguro a nosa mocidade, e neste caso, o Skatepark é dos poucos espazos gratuítos, deportivos e de ocio ao que a xuventude de Redondela ten acceso”.
Lemban que “as mozas e mozos de Redondela asumen tódolos días nos centros de ensino as súas responsabilidades individuais e colectivas para amainar a propagación do virus, polo que precisan de espazos ao aire libre para desenvolver a súa actividade social igual que as persoas adultas”.
O BNG de Redondela entende que “se está responsabilizando á mocidade dos contaxios da COVID-19″ polo que a concelleira Jessica García xa demandou información por escrito para que o Goberno local explique “en base a que datos concretos tomaron a decisión de pechar unicamente este espazo de ocio urbano”.