Domingo, 4 Maio de 2025

O BNG de Redondela demanda un cambio no sistema de limpeza das praias

A fórmula elexida polo goberno municipal de Redondela, para enfrontar a limpeza de praias durante a presente campaña de verán, a criterio dos e das nacionalistas, “debe ser modificado polas molestias que á veciñanza lles está a supoñer no uso e disfrute destes espazos públicos”

O portavoz do BNG no Concello de Redondela, Xoán Carlos González, vén de dirixir un escrito á Alcaldía de Redondela no que expón a súa disconformidade cos argumentos que se están a dar dende varios medios informativos “sobre limitar a recollida de algas a varios días da semana, nas praias de Redondela”. Segundo o edil nacionalista que se ben comparte como principio de respeito medioambiental a preservación dos areais sen intervencións humanas, “non se dan as condicións para as praias do noso concello, principalmente de Cesantes”.

Consideran dende o BNG, que a “perda de area” débese maiormente ás diversas obras, e aterramentos que nas últimas décadas se teñen realizado na beiramar da Ría de Vigo, modificando a acción natural das correntes”. Entre estas actuacións resalta os aterros no Estreito de Rande, a estructura do Peirao , ou os balados construídos no mandato do PP no propio areal de Cesantes. Limitan o negativo impacto da limpeza de algas e plantas mariñas, como a zostera, ante o evidente deterioro dos areais. Apostan no BNG, por manter a limpeza das praias por medios manuais, e non mecánicos “fomentando un maior respeto polo entorno natural”.

Noutra parte do seu escrito, o edil nacionalista refírese a que “o uso e disfrute dos espazos públicos, como no caso dos areias de Redondela, consitúe un dereito da veciñanza”. Alude a que as mesmas familias que colaboraron estoicamente coas restriccións motivadas polo COVID-19, moitas delas vivindo en zoas urbanas, non se poden permitir o luxo de adquirir fincas ou piscinas particulares. “Teñen dereito a disfrutar dos areais e que o concello colabore no seu mantemento posto que este é o tipo de lecer máis extendido entre estes veciños e veciñas, na época estival”, sinala o edil nacionalista.

Argumenta que “non pode ser que aqueles que padeceron as maiores restriccións, agora tamén vexan limitado o seu dereito ao disfrute destes espazos públicos ao non recollerse diariamente as algas e plantas mariñas. Trátase dunha cuestión de xustiza social”, afirma Xoán Carlos González.

Finalmente no escrito, demanda que dende o Goberno que preside Digna Rivas “reconsideren a problemática que tanta repercusión está a ter entre os nosos veciños e veciñas modificando a fórmula de limpeza de praias co fin de conxugar recuperación medioambiental e lecer”.