Sábado, 18 Xaneiro de 2025

O BNG de Redondela cualifica de “neglixente” a xestión da Xunta no CAPD de Chapela

Inexistencia de test, falta de material para evitar contaxios ao inicio da epidemia, desinformación á Alcaldía de Redondela, negar como facelidos a dous dos residentes, son algúns dos aspectos que salientan os nacionalistas

O BNG de Redondela chamou hoxe a atención sobre o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Chapela, dependente da Consellería de Política Social, que, segundo a formación nacionalista, converteuse dende o inicio da pandemia “nun dos centros máis afectados pola extensión da enfirmade” chegándose a un ‘pico’ “de setenta contaxiados e contaxiadas entre persoal e usarios e usuarias, dúas das cales acabaron finando”.

Para o portavoz nacionalista, Xoán Carlos González, estes datos fan patente “a neglixente xestión da xefatura territorial da Xunta de Galiza” que, asegura, “abandoou á súa sorte aos traballadores e traballadoras na loita contra a expansión da epidemia, “só mitigada polo compromiso dos profesionais co apoio da dirección do centro”, afirman. Sinalan que entre o propio persoal titular, e aquel que conformaba as bolsas de traballo, instalouse o medo.

Á mala xestión sumouse o intento de silenciar o pasamento de dous dos usuari@s. “A requerimento dos grupos, a alcaldía de Redondela interesouse pola situación do persoal e usuarios e usuarias do centro. Dende a propia Xunta, negóuselle información á máxima representante da veciñanza redondelá cando xa había un falecido, ao que se sumou outro nos seguintes días”, apunta o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González.

Consideran que se trata “dun acto inhumano, evitando recoñecer casos do CAPD de Chapela, por teren finado no hospital. Dende a Xunta desvinculouse a dous cidadáns falecidos, do que era o seu fogar. Exiximos que se disculpen ante as familias e os traballadores e traballadoras”.

Este descontrol e xestión deficitaria, entenden que debe levar á asunción de responsabilidades políticas na Consellaría de Política Social. “Podemos atoparnos nun dos episodios máis escuros na nosa bisbarra, en relación á xestión da epidemia motivada polo COVID-19”, afirman na nota emitida dende o BNG.