Domingo, 4 Maio de 2025

O BNG de Redondela apoia a concentración de Cabanas para a “supresión total” da peaxe de Rande

A organización nacionalista chama a colectivos e particulares, a sumarse á convocatoria das Asociacións de Veciños de Teis e Chapela.

Para hoxe xoves 29 xullo, ás 20 h está convocada unha concentración na rotonda de acceso á Peaxe de Rande, polas A.VV. De Teis e Chapela, para forzar a eliminación total e real da peaxe de Rande. O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, anima a todos os veciños e veciñas de Redondela, colectivos, asociacións “a sumarse a esta concentración para reclamar que se elimine este pago inxusto”.

Segundo o edil nacionalista, “as rebaixas e bonificacións anunciadas, nacen do acordo polo que o BNG apoiou a investidura de Pedro Sánchez”. No seu momento, o deputado Néstor Rego, deu conta do mesmo nunha Asemblea Aberta en Chapela.

Mais para a organización nacionalista, non se está a cumprir ao cen por cen co asinado, pois as bonificacións aprobadas polo Consello de Ministros, cínguense á segunda viaxe, nas vinte catro horas seguintes, para o que hai que dispor do dispositivo de telepeaxe. “Agora quen vai lucrarse, son os bancos que cobran unha taxa por uso do dispositivo”, sinala Xoán Carlos González.

Finalmente anima ao conxunto do corpo social redondelá, a concentrarse apoiando ás A.VV. De Veciños de Teis e Chapela, para acadar entre todos a supresión real da Peaxe de Rande.