Domingo, 4 Maio de 2025

O BNG de Redondela alerta sobre o “medre portuario” na zona de Rande

Segundo o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, “a Autoridade Portuaría incorpora outros 40.000 m² na Explanada de Rande e no Peirao da Pedra con fins industriais e de almacenaxe”.

O encontro mantido entre o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, seguíuse “con escepticismo” dende o Bloque Nacionalista Galego. “Tal como sospeitabamos non se produciron anuncios clave para o futuro da beiramar de Redondela, e da Enseada San Simón”, valora o voceiro nacionalista.

Rebate o edil nacionalista ás afirmacións de que aumentan as desafeccións. “O único que se certifica na Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), é que aqueles terreos improductivos ou xa consolidados como espazos de lecer, non son rendíbeis económicamente e polo tanto desvincúlanse deles”.

Advirte Xoán Carlos González que pola contra, a Autoridade Portuaria medra nuns 40.000 m² na zoa de Rande. “Incorporan dúas parcelas: unha delas na explanada de Rande e outra no denominado Peirao da Pedra, coa finalidade de que estos terreos permitan realizar actividades de carácter industrial e de almacenamento para o Porto”, sinala.

Entende o voceiro municipal do BNG, de que se están dando novos pasos para que a beiramar de Rande teña un futuro industrial, opción que dende organización nacionalista rexeitan. Apostan por que esta zoa, Rede Natura, debe reservarse para a recuperación medioambiental da Enseada San Simón.

Segundo o voceiro municipal nacionalista o novo presidente da Autoridade Porturaia tampouco renuncia, ao Proxecto de Accesos á Explanada de Rande. “ Infraestructura que consolida a idea de convertela en zoa industrial, polo que dende o BNG, presentamos no seu momentos alegacións”, recorda.

Valora Xoán Carlos González, como “continuístas” as políticas de ocupación da beiramar con fins industriais, por parte da Autoridade Portuaria. Califica de acto propagandista a xuntanza mantida entre membros do PP de Redondela e Vázquez Almuíña. “Nunca presentaron alegacións contra as pretensións da Autoridade Portuaria, en contra dos intereses veciñais. Agora veñen a vender fume, cun único interese electoralista”, afirma.

Destaca o traballo e esforzo que diversos colectivos están desenvolvendo para protexer a beiramar do Estreito de Rande. “Por parte do BNG presentáronse alegacións ao Plan Estratéxico do Porto de Vigo, Plan Espazos e Usos Portuarios, ou de Accesos á explanada de Rande, os documentos nos que se recolle as pretensións da Autoridade Portuaria para esta espazo da beiramar de Redondela”, remata na súa nota