Domingo, 11 Maio de 2025

O BNG cualifica de “caótica” a situación do Centro de Saúde de Redondela

Malia as denuncias por parte do persoal sanitario e da propia organización nacionalista, e posicionamentos do Pleno “poucas melloras se teñen producido na Atención Primaria sanitaria en Redondela” sinala o BNG de Redondela cun Centro de Saúde, afirman, no que “continúa manténdose unha situación estresante para os e as profesionais, que incide nunha mala atención á doentes”.

Dende a organización nacionalista advirten que “pouco ou nada” tén mudado dende o verán no que se fixeron eco da falla de substitucións de persoal do Centro de Saúde. O último dos episodios vivíuse durante o pasado mércores no servizo de seguemento de anticogulantes, coñecido como ‘sintrom’. Ante a ausencia dunha das profesionais do persoal de enfermería vivíronse momentos de saturación na atención. O persoal víuse desbordado coas conseguintes molestias e queixas por parte dos e das doentes.

Para o BNG de Redondela este non é máis que “un novo exemplo da situación de strés continuo á que se ve sometido o persoal sanitario” á que “os responsábeis da Consellaría de Sanidade non lle poñen solución”.

Día a día acumúlanse as tarefas, a sobrecarga do traballo, a burocratización, a improvisación, o que leva a que os e as profesionais da mediciña, “non se sintan motivados, se vexan saturados e desbordados”, apunta a formación nacionalista.

Os nacionalistas dan conta tamén do caso dalgúns facultativos que “xa se poderían ter acollido ao seu dereito á xubilación, mais que non dan ese paso”. Ante a evidente escaseza de persoal, “sobrecargaríase no resto de compañeiros e compañeiras, como ven sucedendo habitualmente coas pediatras, onde as baixas das profesionáis cúbrese con horas a maiores das médicas activas nese momento”. “A implicación e responsabilidade profesional, mitiga a mala xestión dos responsábeis sanitarios”, subliña o BNG.

Dende o BNG consideran que o goberno de Feijóo, “pretende facer negocio coa saúde dos galegos e galegas, ao deteriorar a Atención Primaria derivando doentes aos centros hospitalarios, xestionados por empresas privadas”.

No mes de setembro presentouse unha moción no Pleno da Corporación, sobre a situación do Centro de Saúde. “Daquela, –lembra o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González– dende SERGAS acusóusenos de alarmistas”.

O edil nacionalista enmarca a situación deste Centro de Saúde, “no deterioro que a Atención Primaria leva sendo castigada na era Feijóo, polo que considera que a única vía para mudar esta situación pasa por un cambio de modelo, cambiando o Goberno” e convida á veciñanza á Manifestación en Defensa da Sanidade que se vai celebrar o martes 17 de marzo polas rúas de Vigo”.