Venres, 2 Maio de 2025

O alumnado do Programa de Emprego de Hostalaría e Cociña brilla na recepción de Nadal do Concello

O alumnado traballador do Programa de Emprego de Redondela TIC III, na modalidade de Hostalaría e Cociña, traballou moi duro xunto as súas mestras para presentar o seu primeiro traballo: a preparación e servizo dos petiscos de Nadal do Concello de Redondela.

Na finca Tátaba, onde se celebra o Obradoiro, tivo lugar a pasada semana, a tradicional celebración de Nadal do Concello de Redondela para festexar estas datas cos traballadores municipais. O alumnado do programa de emprego sorprendeu aos convidados cunha divertida selección de tapas e canapés que non deixaron a ninguén indiferente: pizza de polbo, mexillóns tigre, rolos de salmón, canapés de espinaca e queixo e outras moitas delicias. Non faltaron as sobremesas con leite frito, torta de queixo ou doce de mazapán, con opcións para todos os gustos. Alumnas do Obradoiro de Marketing Dixital encargáronse tamén de recoller imaxes do evento, e días antes fixeron tamén unha reportaxe dos preparativos.

A alcaldesa, Digna Rivas, aproveitou o acto para felicitar a todo o alumnado e ás súas mestras polo gran traballo realizado “ que superou as mellores expectativas”. Este era o primeiro traballo destes mozos e mozas, que seguirán formándose neste programa de emprego que ten unha duración total dun ano.