Sábado, 8 Febreiro de 2025

Novas prazas para asistir ao FP dual do IES Chapela

Ábrese un período extraordinario de admisión en prazas liberadas do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia na modalidade semipresencial e a distancia dual no IES de Chapela. As persoas interesadas que reúnan os requisitos de acceso deben presentar a súa solicitude e a documentación correspondente (fotocopia do documento de identidade e titulación de acceso) na secretaría do centro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas (de forma presencial). O prazo de admisión remata o próximo 15 de decembro (incluído).

O ciclo inclúe prácticas remuneradas en empresas cun contrato de formación.

Os requisitos para poder presentar a solicitude son:

  • Ter entre 18 (ou facelos no ano en que comece o ciclo) e 29 anos.
  • Cumprir os requisitos de acceso a un ciclo formativo de grao medio (título de ESO, título profesional básico, técnico/a auxiliar, técnico/a, 2º de BUP, PCPI, requisitos de acceso a ciclos de grao superior, outros estudos declarados equivalentes, proba de acceso).
  • Carecer da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou do sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou a ocupación obxecto do proxecto.
  • Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe, e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para poder efectualo.
  • Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo, agás que fose cursando outro ciclo formativo.